Moi emocionado un sete de marzo de 2024 Óscar García Patiño (Cambre, 1964) anunciaba que se afastaba da primeira liña política para deixar paso a María Pan ao fronte da alcaldía.
Cómo se sinte tras todo un ano?
En ningún momento me apartei da política, sigo sendo o presidente de UxC e, evidentemente, estou sempre á disposición dos meus compañeiros de partido para calquera cousa que poidan necesitar. Non estou en primeira liña política, pero como presidente do partido e, sobre todo como veciño de Cambre, o meu interese por mellorar o meu concello segue e seguirá estando aí.
Arrepentiuse nalgún momento daquela decisión?
En absoluto, foi unha decisión moi difícil, os que me coñecen saben perfectamente o orgulloso que estaba de ser alcalde do meu concello, o que me gustaba e o traballo que dediquei a iso, pero foi unha decisión meditada e pensada, para dar un cambio de rumbo a unha situación insostible. Entendín que era o mellor para os veciños dada a paralización sufrida polas interpretacións das habilitadas nacionais, pensei que se eu era o problema, eu tiña tamén a solución: dar un paso a un lado e listo. Con esforzo e moito traballo, as cousas están saíndo adiante. Unión x Cambre ten moitos inimigos que, polo que se ve, queren paralizar o Concello.
Que valoración fai do traballo da alcaldesa?
Só dicir que é a persoa que a min, persoalmente, me gustaría ter como alcaldesa sempre. Non coñezo a ninguén coa capacidade de traballo que ten María Pan. É honrada, honesta e moi traballadora. Xa sei que en política é difícil describir a alguén así, pero é a verdade. É a mellor xestora que podemos ter os veciños de Cambre e estao demostrando na situación tan difícil que lle toca vivir. Sacando adiante cousas, aprobando expedientes para manter os servizos básicos que outras persoas queren paralizar.
E o da oposición?
Lamentablemente, non me sorprende en absoluto a actitude que están a demostrar esta UTE formada por PP, PSOE e BNG de Cambre, que conforman a maioría da corporación. O que están a intentar é torpedear o labor que se está facendo desde o goberno, é dicir, gobernar desde a oposición. Cambre vive unha situación insoportable por culpa dos concelleiros destes partidos, non achegan nin aproban os orzamentos, non permiten pagar aos provedores, asociacións. Outra cousa distinta son os concelleiros de Alternativa e a non adscrita, que viron a realidade e se puxeron a traballar para tentar solucionar os problemas. l