Pedro Lamas e A Música de Cecebre recrean as verbenas de hai 125 anos

Pedro Lamas e A Música de Cecebre recrean as verbenas de hai 125 anos
A Música de Cecebre, antes dunha actuación en Betanzos

O campo da festa de Cecebre encherase hoxe para viaxar no tempo ata as verbenas de finais do século XIX e principios do XX. Unha mirada ao pasado esplendoroso da parroquia cambresa no eido cultural, “sendo unha localidade na que era moi raro que nunha familia non houbera algún músico”, di Pedro Lamas, natural de Cecebre, compositor e artista. Será a partir das 20.00 horas cando A Música de Cecebre comece o espectáculo, no que soarán muiñeiras e pezas de baile galego, pero tamén ritmos mexicanos e latinos, dos que chegaron coa incesante emigración a Suramérica.


Lamas recuperou hai uns anos esa formación, A Música de Cecebre, a primeira “música”, “murga” ou “bandita”, como se lles chamaba ás agrupacións musicais con vento madeira e vento metal, desa zona cambresa. “Foi a banda creada en 1897 polo coñecido como Vello Barral, o patriarca dos Barral, unha das dúas sagas de músicos coñecidas en Cecebre –a outra foron os Moris–. Máis tarde formáronse outras como Os Fillos de Barral, a Banda de Fariña, a Orquestra Barral, Os Netos de Barral, Os Castigadores de Cecebre, a Orquestra Iberia... de Cecebre saíron moitos músicos que despois tocaron cos mellores conxuntos de Galicia: Orquesta Mallo, Los Satélites, Lamas La Piña, Los Key... Mesmo algún emigrado de aquí chegou a tocar coa Filarmónica de Maracaibo”, comenta Lamas.


Material para un libro

O gaiteiro de Cecebre leva uns dez anos recopilando material sobre os músicos da parroquia e o seu espallamento polas orquestras e bandas de todo o mundo, un traballo que, asegura, “o ano que vén poderá ver a luz” en forma de libro.


A Música de Cecebre contará na actuación de hoxe coa voz de Xurxo Fernandes e está previsto homenaxear, ademais, aos exiliados republicanos en México, dos que houbo moitos en Cecebre, entre eles Lucas Amil, tío de Pedro Lamas. “Tocaremos un ‘México lindo y querido’ pero con letra propia, que falará dos músicos de Cecebre e a súa tradición nas Mariñas”, apunta o veciño.


Lamas engade que será “unha gran festa na que bailar e coñecer como eran as festas hai cen anos; non haberá nada electrónico nin gravado, será unha viaxe no tempo”. A Música de Cecebre, que recuperou partituras antigas, interpretará algunhas pezas case esquecidas.


Está convocada unha foliada ao rematar o concerto na que participará activamente a agrupación Garrulaxe, de Cecebre, con bailadores e músicos. “Esta parroquia comezou a ser coñecida por Wenceslao e ‘O bosque animado’, pero iso foi moi posterior. Esta vai ser unha festa de Cecebre para o mundo”, conclúe Pedro Lamas.

Pedro Lamas e A Música de Cecebre recrean as verbenas de hai 125 anos

Te puede interesar