Xosé A. Touriñán | “O retorno do Castelo Conta non é económico senón emocional, de recordos e de enerxía”

Xosé A. Touriñán | “O retorno do Castelo Conta non é económico senón emocional, de recordos e de enerxía”
Touriñán, durante a presentación do festival | AIGI BOGA

O actor e humorista Xosé A. Touriñán conta as horas para a semana máis festiva do ano na súa parroquia. O Castelo Conta comeza este luns, día 19, con concertos, monólogos, actividades para nenos e multitude de propostas culturais nas inmediacións do monte Xalo.

 

Moito lío estes días previos? 
Cada ano temos máis previsión, xa estamos desexando comezar para ver que todo roda.

É un festival que medrou moito nos últimos anos pero sempre co respecto ao entorno como bandeira. Como o recibe a xente de alí?
Creo que acolleu moi ben este novo xeito de celebrar as festas da aldea, a xente está moi involucrada e orgullosa. Medrou, si, pero dende hai uns anos xa está no máis alto que pode estar. Igual nos pasamos un pouco no pasado. Os que vivimos no rural poucas semanas temos de tanto axetreo, así que enchemos as reservas de enerxía para o resto do ano. O que se respira é orgullo. 


Os veciños se implican cedendo as súas casas. 
Son parte imprescindible, prestan as súas eiras e alpendres para as actuacións, para os Contos de Castelo... e despois hai unha colaboración inxente de xente da zona, dos que viven fóra e veñen polo verán, de amigos de Castelo que participan en todo o que facemos. Sen eles sería imposible, pero o máis importante é que o pasen ben.

 

Canta xente traballa durante toda a semana do Castelo Conta e cantos habitantes ten a parroquia? 
Entre 80 e 100, seguramente, entre voluntarios e traballadores de empresas que nos axudan. E veciños non creo que pasemos de cen os que vivimos aquí todo o ano. Hai xente que vén o fin de semana ou en verán. A parroquia debe ter unhas 90 casas.

 

A andaina e a Noite de Monólogos son o prato forte.
É o día que congrega máis xente, o sábado, pero o bonito é que o festival ten cousas durante toda a semana para todos os públicos. É unha semana moi emotiva, da igual o día que veñas que te vas divertir. O venres e sábado vén máis xente e podemos chegar ás 2.000 ou 2.500 persoas.

 

E pola mañá os máis pequenos disfrutan da riqueza do lugar. 
Están anotados 48 rapaces, dos que son de Castelo uns dez, como moito. Disfrutan do entorno, van sementar, plantan árbores, ven os tritóns no río... van vivir no bosque, no monte, algo que moitos non poden facer o resto do ano.

 

Os que pasamos veráns na aldea de nenos sabemos o bonito que é. 
Exacto, é unha aventura veraniega de aldea.

 

Como se reinventa o festival?
Este ano temos como novidade as sesións vermú con cociñeiros galegos que veñen deleitarnos cos seus pratos, para min é moi importante que volva abrir a taberna de meus avós. Hai sete anos pechou e convencín a meu tío para abrila eses días como local para o festival. É algo que me ilusiona moito, igual que o documental das señoras de Castelo que se estrea o mércores 21.

 

Diría que o evento ten un retorno máis emocional que económico? 
Claro, aquí non temos hostais ou restaurantes. Igual a María, a do local social, lle virá ben pero impacto directo non hai, o retorno é emocional, de recordos e de festa. As entradas e demais son para financiar o festival e seguir sendo sostibles, aínda que agradecemos tamén o apoio de institucións e marcas que sempre están aí.

Xosé A. Touriñán | “O retorno do Castelo Conta non é económico senón emocional, de recordos e de enerxía”

Te puede interesar