“Comadre”, a Palabra do Ano 2022 segundo a votación popular promovida polo Portal das Palabras da Real Academia Galega e a Fundación Barrié, loce xa na pavimento da rúa Menorca de Lugo. O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, e o director do Dicionario da Academia, Manuel González, acompañaron este mediodía o tenente de alcalde, Rubén Arroxo, e a concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, na visita ao paseo das Palabras do Ano.
Esta intervención na rúa Menorca pretende poñer en valor “un símbolo tan importante como a lingua galega” e estase ademais a converter “nun atractivo turístico máis da cidade”, asegurou Rubén Arroxo. Víctor F. Freixanes e Manuel González agradeceron, pola súa banda, unha iniciativa que visibiliza o labor de divulgación da lingua galega que desenvolve o Portal das Palabras. “A RAG coida as palabras e traballa pola saúde e o futuro da lingua, pero este traballo non ten sentido sen a sociedade detrás, que é a que terma do edificio”, expresou Víctor F. Freixanes.
Dende 2014 o Portal das Palabras convida a todas as persoas que o desexen a participar na escolla da Palabra do Ano. Nas edicións anteriores foron elixidas tanxugueiras (2021), nós (2020), sentidiño (2019) deseucaliptización (2018), afouteza (2017), irmandade (2016) —coincidindo co centenario das Irmandades da Fala—, refuxiado, -a (2015) e corrupción (2014), todas elas incluídas no paseo da rúa Menorca.