O Consello da Cultura Galega conecta a música de raíz con 'Crossing borders'

O Consello da Cultura Galega conecta a música de raíz con 'Crossing borders'
Tanxugueiras, nun momento do vídeo /CCG

O Consello da Cultura Galega lanza 'Crossing borders. A música TRAD galega atravesando fronteiras', tres pezas audiovisuais subtituladas en inglés que, da man de creadores como Mercedes Peón, Baiuca, Uxía Senlle ou Tanxugueiras, ademais dos expertos Óscar Losada e Mariña Fernández, percorren a evolución, as especificidades e as claves do éxito da música de raíz.


Trátase de vídeos híbridos que se complementan con reportaxes de texto que axudan a "profundar e achegar datos específicos das conversacións dos músicos máis centradas no seu desenvolvemento artístico" para tratar de dar contexto ao público internacional e con temas que están de actualidade no ámbito da música internacional: fronteiras de público, de estilo e culturais.


Así, tal e como detallou este martes en rolda de prensa o coordinador do proxecto, Manuel Gago, combínanse dous grupos diferentes. No primeiro vídeo, móstrase a Luar na Lubre, con Bieito Romero, e ás Tanxugueiras. "Este estilo de contrapoñer coñecementos, experiencias e xeracións parécenos moi interesante", sostivo.


A segunda peza aborda as fronteiras entre estilos musicais. "Hai que respectar a tradición? Ten que atoparse con outros formatos?", cuestionan. Neste caso, o vídeo está protagonizado por Baiuca e Mercedes Peón. Por último, para exemplificar a idea das fronteiras culturais, Abe Rábade e Uxía Senlle explican os seus puntos de vista.


Con estes vídeos, os promotores buscan, por unha banda, chegar ao ecosistema cultural galego e, por outro, ao público internacional e, en concreto, a galegos presentes noutros países, para que empreguen estes vídeos "como carta de presentación" e "como unha forma de explicarlles ás súas redes de traballo, dunha maneira sinxela e moi potente, a cultura galega".


"Solidez" dos creadores

"Cando os vídeos están montados, vemos a solidez dos creadores. É algo que podemos mostrar orgullosos, pero perfectamente en igualdade de condicións con outros creadores. Cando ves o universo, as conviccións e a formulación destes creadores, dáste conta da enorme solidez da proposta; entendes por que están a ter este éxito. Son capaces de poñer unha voz propia no mundo", defendeu.


Nesa "solidez", a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, ve algo "esperanzador", porque considera que "non son experiencias individuais nin efémeras". "Isto permite pensar que non só hai un presente, senón un futuro", reivindicou.


Todos estes materiais audiovisuais están dispoñibles na páxina web culture.gal, un espazo web do Consello da Cultura Galega orientado a un público internacional.


Máis proxectos

Esta iniciativa dá continuidade ao proxecto lanzado o pasado ano 'Galicia, a literature to explore / Galicia, unha literatura por descubrir', co que o CCG tamén puxo na rede tres pezas audiovisuais expoñendo algúns dos perfís ou novidades e puntos de interese da líteratura galega.


Neste sentido, a presidenta do Consello da Cultura Galega confirmou que haberá máis proxectos nesta liña. "Detrás da música, virá outro tema", afirmou.

O Consello da Cultura Galega conecta a música de raíz con 'Crossing borders'

Te puede interesar