A 21ª edición do Festival Internacional de Cinema Curtocircuíto exhibirá a partir de mañá e ata o 6 de outubro co apoio da Xunta un total de 41 películas de pequeno formato procedentes de 16 países, distribuídas en tres apartados: a sección oficial Cosmos, Planeta GZ para as propostas máis singulares de Galicia, e Supernova, dedicada ao cinema emerxente galego, ademais dunha ampla programación paralela que se estende ao pensamento e ás artes sonoras e visuais máis vangardistas.
As cineastas Elena López Riera, Marina Lameiro, Gala Hernández, Sandra Schäfer ou Rainer Kohlberger presentarán as súas novas obras neste certame organizado polo Concello de Santiago de Compostela e subvencionado pola Axencia Galega das Industrias Culturais a través da convocatoria de axudas a festivais audiovisuais, que este ano cofinancia con 300.000 euros 10 citas galegas.
Así o lembrou o director deste departamento da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, Jacobo Sutil, que participou hoxe na presentación da programación de 2024 xunto o director do festival, Pela del Álamo, e os representantes doutras entidades colaboradoras. Na súa intervención, Sutil puxo en valor tanto a variedade como a calidade da carteleira, ademais de destacar a amplitude deste certame, que vai más alá das salas de proxección cun programa actividades no que se inclúen conferencias, performances ou mesas redondas.
Espírito inmersivo
Esta edición está dedicada ás profundidades oceánicas cunha proposta estética deseñada por Iñaki López que coloca no cartel os abismos mariños e unha escolma de contidos que, en palabras do director de Industrias Culturais, “reflicten o espírito inquedo e inmersivo dun evento sempre atento a descubrir e mostrar o talento emerxente e as novas linguaxes audiovisuais”. Diferentes propostas afondarán en conceptos como a profundidade, a auga, a escuridade ou o silencio con perspectivas que van desde a bioloxía ou a ecoloxía ata o pensamento abstracto ou a poesía.
Cosmos con 25 filmes de 16 países
A segunda edición da sección oficial Cosmos volve recoller a vontade de romper as barreiras entre os xéneros cinematográficos e a procedencia das películas para poñelas a dialogar sen limitacións. Cosmos é unha aposta na que o cine narrativo máis arriscado convive coas propostas de vangarda e onde a diversidade cultural e outros retos da nosa sociedade atopan un espazo de visibilidade e reflexión.
Nesta ocasión, este apartado propón unha selección heterodoxa con 25 filmes producidos en España e noutros 15 países como Estados Unidos, Alemaña, Francia, Bélxica, Países Baixos, Suíza, Austria, Xeorxia, Irán, Bangladesh, Filipinas, Corea do Sur ou Andorra, que abranguen desde cinema narrativo ata pezas abstractas, con numerosos ensaios fílmicos.