A Real Academia Galega acaba de poñer en marcha o sitio web no que reunirá os seus contidos divulgativos arredor do vindeiro Día das Letras Galegas, que lle dedica este ano á poesía popular oral e ás cantareiras. A nova sección de academia.gal arrinca coa presentación da celebración da académica Ana Boullón Agrelo e mais unha tribuna do académico Antón Santamarina. Ambos os dous propoñentes foron impulsores dunha candidatura que recoñece o valor dun patrimonio construído colectivamente, que ten as mulleres como figuras destacadas na creación, preservación e transmisión da literatura popular e que constitúe asemade unha reivindicación da lingua, falada e cantada, que tende pontes entre a tradición e a vangarda. En palabras do profesor Santamarina, a que empeza aspira a ser unha gran festa da cultura de noso na que “cantar para gañar galegofalantes”.
O espazo web irá medrando nas vindeiras semanas con entrevistas e reportaxes sobre o patrimonio e as persoas ás que se lles rende homenaxe. Servirá ademais de plataforma de presentación da serie documental das Letras Galegas 2025 que a RAG está a producir, así como da nova edición de Primavera das Letras –o proxecto que lle dedica ao público máis novo– ou dos contidos relacionados co tema que ofrecerá Portal das Palabras. Alén dos recursos propios, a Academia reunirá nesta sección unha escolma de referencias audiovisuais e bibliográficas doutras institucións e creadoras e creadores. Entre elas, poden verse xa unha selección de fotografía cortesía do Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade (APOI) do Museo do Pobo Galego e de estudosos como Pablo Quintana, e diversos relatorios.
Unha reivindicación do galego enxebre desde a alegría e a celebración
“Este ano das Letras Galegas vai ser o da lírica popular e esperamos que teña unha repercusión moi importante; se é así, servirá sen dúbida para axudar a fidelizar os galegofalantes coa súa lingua e tamén para enganchar na súa práctica e defensa a moitos galegos, especialmente mozos e nenos, que polas razóns que fose non a recibiron no ambiente familiar como primeira lingua. Nas cantigas populares hai xoias poéticas extraordinarias e hai ademais un galego enxebre e saboroso”, apunta Antón Santamarina na súa tribuna. “Coa axuda das cantareiras homenaxeadas, que xa non están entre nós, e de tantos intérpretes que por Galicia adiante beben do seu legado, esperamos que o Día das Letras Galegas dure todo o ano, aínda que a festa maior sexa o 17 de maio”, engade o filólogo, quen colaborou coa musicóloga suíza Dorothé Schubarth nos traballos que deron lugar nos anos 80 do século pasado á publicación do Cancioneiro popular galego, considerada a biblia do folclore galego.
O anuncio o pasado mes de xullo de que este 2025 estará dedicado á poesía popular oral e ás mulleres que a mantiveron viva suscitou un entusiasmo que referenda a proposta da RAG, igual cá escolla de cantareira como Palabra do Ano, e significa o “recoñecemento ás nosas devanceiras é á nosa memoria, á nosa historia como pobo e ao mantemento da nosa lingua, desde a alegría da música e a celebración”, engade Ana Boullón.
“Non están todas as que son”
A homenaxe personifícase en Adolfina e Rosa Casás, de Cerceda, Eva Castiñeiras, de Muxía, e Manuela Lema e Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda, as tres integrantes das Pandeireteiras de Mens (Malpica de Bergantiños) que faleceron hai máis de dez anos. Un dos factores que dificultou a elección concreta das personaxes que ían encarnar esta candidatura non foi o seu número, senón o carácter anónimo propio da transmisión popular. “As mulleres non eran coñecidas fóra dos límites das súas aldeas; os grupos que se constituían nin adoitaban recibir nome nin se axustaban a formatos fixos; non buscaban gabanzas máis alá da súa contorna. Enténdase, pois, que non están todas as que son, senón que se buscou unha mostra representativa destas figuras que coidaron, arrequeceron e transmitiron esta tradición centenaria”, contextualiza a académica.
A RAG recoñece ademais o labor das asociacións culturais que desenvolveron un labor fundamental, non só co traballo de campo de recollida de letras e música, senón tamén coa súas clases de canto, música e baile. “Así, foise espallando entre a xente nova ese tesouro con tan pouca visibilidade social antano e que aínda hoxe require de maior protección institucional como parte do noso patrimonio inmaterial”, enfatiza Ana Boullón, que cita, entre outras, propostas contemporáneas que van desde as levadas ao escenario por Mercedes Peón, Leilía ou Xabier Díaz ata as de Antía e Ameixeiras ou Fillas de Cassandra. “A tradición vólvese vangarda. O folclore, conxunto de tradicións, costumes e manifestacións artísticas dun pobo, non debe ser contemplado de forma arqueolóxica, senón que na súa propia esencia está a evolucionar e cambiar, é zume que nutre novas formas de expresión”, conclúe Ana Boullón.