Tanxugueiras cala os discursos de odio coa súa nova canción, ‘Seghadoras’

Tanxugueiras cala os discursos de odio coa súa nova canción, ‘Seghadoras’

Tanxugueiras celebra San Xoán coa publicación, ás 00.00 horas, do seu novo tema, ‘Seghadoras’. A canción, que estará dispoñible a partir desa hora en todas as plataformas dixitais, acompáñase dun sinxelo e potente videoclip no que as propias cantareiras son protagonistas e que se poderá ver, desde a medianoite, na súa canle de Youtube.






“Sega, miña terra, sega”, canta con coraxe Tanxugueiras nun tema no que o trío, para abordar un dos temas fundamentais do seu discurso, o apoderamento feminino, emprega como metáfora un ritual tradicional do rural como é o labor das segadoras: mulleres que collen a fouce afiada e, con forza, rozan para deixar medrar novamente a herba. Un símil que as pandeireteiras asocian tamén coa propia tradición do San Xoán: o lume que purifica para deixar atrás todo aquelo que non permite avanzar e dar unha cálida benvida ao que veña.


Porque, ao cabo, ‘Seghadoras’ fala da toma de conciencia e da confianza nunha mesma. Fala de coller o fouciño e abandonar os discursos de odio, a hostilidade e as voces interesadas. Limpar para ser dona dunha mesma, da súa vida, do seu proxecto. Se ‘Desidia’ é un canto ao autocoidado, ‘Seghadoras’ non deixa o amor propio atrás: “Que a xente siga falando / pouco a pouco vou collendo / todo o que fun sementando”, pregoan Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro neste novo tema.


“Cada día estamos máis convencidas de falar e cantar sobre o necesario que é ter voz propia e rachar con todo aquelo que non che fai ben. De apostar por ti para avanzar no teu camiño. De ser consciente de quen es e de que as decisións son túas”, explican. “Ter a forza e a coraxe para desprenderte do que non suma ás veces non é sinxelo, pero somos quen de facelo. E iso é ‘Seghadoras’: ser capaz de ter ferramentas e forza para cortar con todo iso e abrir camiños para a vida. É tamén é unha homenaxe á terra, as nais, ás mulleres que nos pariron e ao apoderamento”, apuntan as pandeireteiras.


O tema, que formará parte do terceiro disco de Tanxugueiras, preséntase cun videoclip dirixido por Trece Amarillo (Diego M. Barcia e Diego Santaclara) e producido por PlayPlan Cultural, o tándem habitual no desenvolvemento dos traballos audiovisuais das cantareiras. A peza conta con Olaia, Aida e Sabela de protagonistas e, desta quenda, suma a presenza dos músicos que acompañan ao trío na súa Xira Midas: o co-produtor Iago Pico (percusión electrónica) e Isaac Palacín (percusión tradicional).


PREVENDA DO NOVO DISCO

Desde o pasado 17 de xuño xa está dispoñible a prevenda do terceiro disco de Tanxugueiras, que se publicará o 29 de xullo, e que contará con temas como 'Seghadoras', 'Desidia', 'Pano Corado', 'Averno', 'Terra', 'Figa' ou ‘Midas’. Pódese acceder á reserva do álbum a través do propio espazo web de Tanxugueiras, www.tanxugueiras.gal, ou mesmo da Plataforma de Afectadxs polo Novo Álbum de Tanxugueiras, unha chiscadela do trío de cantareiras á súa comunidade de fans para “combatir o tanxumono” mentres que o álbum non chega.

Tanxugueiras cala os discursos de odio coa súa nova canción, ‘Seghadoras’

Te puede interesar