O Concello da Coruña impulsa de novo, despois dunha mobrigada parada de dous anos por razóns sanitarias, o circuíto de carreiras populares Coruña Corre, que neste 2022 chega á súa novena edición cun calendario de sete probas ideadas para fomentar o deporte nos barrios da cidade, un compromiso adquirido polo Goberno municipal de Inés Rey durante o vixente mandato.
A concelleira de Deportes, Mónica Martínez, presentou onte a nova edición do Coruña Corre en Matogrande, barrio que será o punto de partida da primeira das probas deste ano. Celebrarase o vindeiro domingo 23 de xaneiro, abrindo camiño a outras seis citas: o 26 de marzo, a carreira nocturna da Torre de Hércules; o 8 de maio, a Baixada Popular de cross de San Pedro de Visma; o 22 de maio, a carreira dos Rosales; despois da pausa dos meses estivais, xa o 11 de setembro terá lugar a Volta a Oza; seguidas polas probas do 23 de outubro no Ventorrillo e o 27 de novembro en Novo Mesoiro.
“Coruña Corre é, sen dúbidas, unha ambiciosa iniciativa, unha aposta polo deporte, polos barrios e pola unión interxeracional. De feito, a familia continuará a ser un dos fíos condutores deste proxecto, xa que un dos obxectivos é que os membros dunha mesma unidade familiar acudan xuntos a cada cita e aparezan nunha clasificación deseñada para eles. Que ninguén quede na casa os días das probas. Iso si, con todas as precaucións e seguindo sempre as pautas que nos indiquen desde Sanidade”, remarcou Martínez.
Coa idea de fomentar hábitos deportivos entre a xente máis nova, contando sempre coa colaboración de nais, pais e avós, este ano levarase o Coruña Corre aos centros educativos para impulsar o deporte participativo, especialmente nas idades máis sensibles e susceptibles de que a mocidade abandone a súa práctica. Por iso, nesta nova edición creáronse categorías especiais de equipos mixtos nas categorías sub-16 e sub-18.
A primeira das probas do Coruña Corre, que se celebrará en Matogrande o día 23 de xaneiro, comezará ás 10 horas. Serán sete quilómetros de percorrido, coa novidade da entrada ao estadio do campus universitario de Elviña.
O prazo de inscrición para a carreira estará aberto ata este domingo, día 16, ás 23.59 horas, a través da páxina web corunacorre.com.
Ademais, o 13 de febreiro, a cidade vivirá de novo outra das súas grandes citas populares do calendario deportivo coa celebración da decimocuarta edición do medio maratón Coruña21. Desde o xoves xa é posible inscribirse a través da web carreirasgalegas.com. O prazo finalizará o 6 de febreiro.
A proba, integrada no calendario da Real Federación Española de Atletismo, suporá unha nova oportunidade para gozar do running na cidade da Coruña. A inscrición será de 18 euros no primeiro prazo (ata o 30 de xaneiro); de 30 euros para os inscritos en segundo prazo (do 31 de xaneiro ao 6 de febreiro); e de 40 euros para os que se inscriban entre os días 7 e 8 de febreiro.
Haberá condicións especiais para as persoas desempregadas e xubiladas, que terán un desconto do 50 % da cota que lles corresponda.
Tanto en categoría masculina como femninina, haberá premios en metálico para as cinco primeiras persoas clasificadas. Tamén haberá premios para os mellores galegos e galegas y os mellores coruñeses e coruñesas. Repetirá este ano un premio económico especial ao récord da proba. As marcas a batir son 1h02:30 na categóría masculina e 1h11:16 na feminina.
24 horas despois da apertura do prazo de inscripción, unhas 500 persoas xa se anotaran para a próxima edición.
Para facilitar o acceso da cidadanía ao calendario e actualizacións do circuíto Coruña Corre, o Concello impulsou a posta en marcha dunha nova aplicación móbil, xa dispoñible para dispositivos Android e iOS na Play Store e a tenda online de Apple, para que as usuarias e os usuarios interesados nas carreiras populares poidan inscribirse, consultar as súas marcas e percorridos das probas en todo momento.