José Manuel Sande | “Na política hai que ser valente. Se non, non sei a que se ven”

José Manuel Sande | “Na política hai que ser valente.  Se non, non sei a que se ven”
José Manuel Sande, candidato de Por Coruña / Patricia G. Fraga

Nos últimos tres meses, a actividade do candidato de Por Coruña (Podemos, EU e Alternativa Verde) foi frenética, multiplicando os contactos cos diferentes colectivos. As súas propostas: levar o bus urbano á área metropolitana, un bono antiinflación para as familias coruñesas, crear una Concellería de Emerxencia Climática, ou un Plan Director da Policía Local, entre moitas outras.

 

Cales son as súas perspectivas? 
Moi boas. Somos realistas pero optimistas, porque todo este esforzo e ilusión está sendo moi estimulante. 
 

Que percibe na xente? 
Decepción. A xente non se sinte representada e vemos que si é necesaria unha opción ilusionante, que refresque a política.

 

Está loitando polos mesmos votos que o BNG e a Marea. 
Cunha diferenza grande. Os dous partidos, o BNG e a Marea, estiveron nesta etapa reforzando as políticas de goberno e exercendo unha oposición que non deu resultados prácticos. Foi un mandato de incumplimentos, de confianzas traizoadas.  
 

Pensa que será decisivo o apoio da vicepresidenta Yolanda Díaz á súa candidatura? 
Confiamos nas nosas propias forzas e todo o que fixemos en termos locais. Sumar non comparece, pero hai paralelismos, apoio e sintonía. Pero hai que contemplar isto como unha elección municipal, aínda que terá un punto de antesala ás eleccións xerais.

 

Pero haberá un ‘efecto Yolanda’? 
O importante é o traballo na cidade, pero se nos apoia o proxecto máis ilusionante que hai agora no Estado, benvido sexa.

 

Hai oito anos, nun clima moi axitado, a Marea capitalizou o descontento da xente. E agora?
Evidentemente, iso está presente. O momento histórico é outro. Somos bastante realistas, pero si que entendemos que a cidade sufre un proceso de declive, por ter un proxecto pouco claro, que resulta inquietante.

 

Que foi o que ocorreu? 
Hai varios factores. Primero, interno, porque había un clima irrespirable e, que ademais, se fixo público cara a cidade. Nun momento no que os políticos estaban en condicións de amosar un cambio, iso é feo. Hai, ademais, un distanciamiento político. En canto a pandemia, non pode ser excusa, debería ter sido unha oportunidade para a planificación. Isto tampouco se fixo. E logo a dependencia doutras administracións, porque algúns dos logros máis importantes deste mandato teñen que ver con elas.  

 

Que papel fixeron os partidos á esquerda do PSOE? 
Creo que a oposición, seguramente ben intencionada, tentou levar a cabo políticas de goberno cuns graos de cumplimentos ínfimos, casi paródicos. É unha lección sobre o que se debe facer.

 

Se Por Coruña é a chave do goberno, tería os mesmos problemas? 
Na política hai que ser valente. Se non, non sei a que se ven. Por Coruña busca ser relevante e influír para transformar a cidade. Nunca será un apoio incondicional como sucedeu neste mandato, que permita que se desenvolvan políticas contrarias ao ben común.

 

Cales serían as primeiras medidas que adoptaría?  Xa sería tarde para impulsar os orzamentos. 
É un tema moi complexo, porque xa estamos nese segundo semestre do ano. Polo menos, facer cambios. Hai cuestións de vivenda, de cultura, de mobilidade, de servizos sociais.... Hai mecanismos de participación que poden ter unha traslación directa. Hai áreas tan relevantes como medio ambiente que requiren outro tratamento e que se van dilatar no tempo. O importante é un cambio de actitude. Iso sucedeu no goberno de coalición estatal e no mandato anterior. 
 

E de cara a 2024? Cre que haberá orzamentos ou será como o anterior mandato?
Desde logo, se nós gobernamos, e temos capacidade de goberno, teño clarísimo que debe haber orzamentos. Seremos responsables sempre, esteamos onde esteamos, sen sufrir chantaxes. 

 

Que pensa dun tripartito?

A política ten que contemplar todas as opción, non somos futurólogos, pero sería a metáfora absoluta da posibilidade de entendemento. É importantísimo. E a procura de polarización non é positiva. Se hai que facer pulsos, sempre dende o positivo. 

José Manuel Sande | “Na política hai que ser valente. Se non, non sei a que se ven”

Te puede interesar