O 2024, ano clave para a posta en valor e recuperación de terra agraria en Galicia

O 2024, ano clave para a posta en valor e recuperación de terra agraria en Galicia
Un total de 21 aldeas modelo entrarán o ano que ven en funcionamento tras rematar os proxectos de ordenación produtiva de todas elas

A Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, impulsada pola Consellería do Medio Rural a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, vivirá un ano clave no vindeiro 2024, no que se darán grandes avances coas ferramentas que nela se inclúen (polígonos agroforestais, aldeas modelo, permutas de especial interese agrario e agrupacións forestais de xestión conxunta).


Esta lei, aprobada en 2021, permitiu ata o de agora a mobilización de máis de 10.000 hectáreas de superficie en toda Galicia (dende 2020, 35.000 hectáreas contando coas concentracións parcelarias), polo que no 2024 seguirase apostando por elas. Por iso, destinaranse arredor de 10,5 millóns de euros para polígonos agroforestais e aldeas modelos, así como para proxectos vencellados a estes instrumentos, aos que se suman preto de 2,5 millóns para as agrupacións forestais.

 

1 Polígonos agroforestais

Os primeiros polígonos agroforestais de Galicia licitaranse (para aluguer ou venda) no próximo ano e serán os dos municipios de Cualedro e Oímbra. Ademais, a Consellería do Medio Rural comprometeuse a axilizar todos os trámites desde que se decreten para que entren en funcionamento o máis pronto posible. No conxunto da comunidade autónoma hai 26 polígonos agroforestais aprobados, dos cales dous se atopan na provincia da Coruña (en Cerdedo-Cotobade e Curtis).


2 Aldeas modelo

O 2024 tamén será importante para as 21 aldeas modelo aprobadas en Galicia, entre as que se atopa a coruñesa de Ames. No próximo ano todas elas entrarán en funcionamento tras rematar os proxectos de ordenación produtiva de todas elas. 


Ademais, entregaranse os pilotos dos plans de dinamización dos núcleos de Trascastro (O Incio), Osmo (Cenlle), O Penedo (Boborás) e Muimenta (Carballeda de Avia), que serán un instrumento urbanístico que permitirán rehabilitar estas aldeas do xeito máis áxil posible. A maiores, poranse en marcha os primeiros espazos agrarios de experimentación de Galicia nos que mozos emprendedores poderán desenvolver unha actividade hortícola e de gandaría en extensivo, así como de transformación dos produtos obtidos nas súas explotacións (con todas as garantías).

 

3 Agrupacións forestais de xestión conxunta

Dentro da aposta pola recuperación e conservación dos soutos tradicionais, no 2024 arrancarán as primeiras agrupacións forestais de xestión conxunta, vencelladas aos plans piloto de recuperación de soutos (dous no concello do Bolo, un en Parada de Sil, outro en A Veiga, un en Folgoso do Courel, outro en Paradela e un no Incio).


Esta proposta permitiu actuar este ano nunha superficie total de 356,38 hectáreas, grazas a un investimento por parte do Goberno autonómico de preto 131.500 euros.
Para facilitar a constitución destas agrupacións, que facilitan a xestión do forestal, publicáronse o pasado 6 de novembro no Diario Oficial de Galicia varios modelos tipo de estatutos para construír dereitos de uso e aproveitamento. Son modelos orientativos e voluntarios, que a Xunta proporciona conforme ao establecido na normativa vixente.

 

4 Permutas de especial interese agrario

As permutas son froito do acordo entre os propietarios dos predios e do seu intercambio, sendo unhas ferramentas idóneas para mobilizar terra onde non existen problemas nin de identificación da titularidade do parcelario nin necesidade de máis infraestruturas viarias, así como zonas marcadas por unha fortísima actividade gandeira.


A posta en marcha das permutas non só tivo como consecuencia unha mellora das estruturas das propiedades agrarias, senón que tamén serviu para estudar a idoneidade da súa implantación no territorios. Está previsto actuar con este tipo de ferramentas en Friol, onde xa se mobilizaron preto de 400 hectáreas; Outeiro de Rei, Guntín, A Estrada e Ordes. 

O 2024, ano clave para a posta en valor e recuperación de terra agraria en Galicia

Te puede interesar