Aberto o prazo para que os centros educativos participen no concurso sobre as Letras Galegas 2025

Con esta convocatoria, o Goberno galego pretende impulsar a achega da mocidade a esta manifestación da cultura popular
Aberto o prazo para que os centros educativos participen no concurso sobre as Letras Galegas 2025

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e a de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, colaboran unha edición máis no concurso sobre o Día das Letras Galegas dirixido aos centros de ensino público non universitario e que de cara ao ano que vén versará sobre as cantareiras e a poesía popular. Así, a iniciativa convida aos estudantes a elaborar unha exposición centrada na obra, a época e a situación sociolingüística da etapa histórica na que viviron as mulleres que protagonizarán a efeméride en 2025.

 

Con esta convocatoria, o Goberno galego pretende impulsar a achega da mocidade a esta manifestación da cultura popular, propoñéndolle que profunden na importancia dos cantos e da tradición oral para a lingua galega ao longo da historia e no labor fundamental das mulleres como transmisoras desta riqueza inmaterial, que vai ser recoñecida na próxima celebración das Letras Galegas.

 

O certame, que implicará tanto a alumnado como a profesorado nun traballo conxunto, establece dúas categorías: unha para educación infantil e primaria e outra que abrangue a secundaria, bacharelato, formación profesional e ensinanzas de réxime especial. Deste xeito, ademais de potenciar o estudo da época e propiciar unha reflexión sobre a lingua e a sociedade do momento, enriquecendo o seu coñecemento, os participantes tamén terán un premio económico de 2.000€ por categoría.

 

As solicitudes xa se poden realizar, ata o 23 de xaneiro do ano que vén, a través da sede electrónica da Administración autonómica, mentres que a información máis completa pode consultarse no Portal da Lingua da Xunta.

Aberto o prazo para que os centros educativos participen no concurso sobre as Letras Galegas 2025

Te puede interesar