O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, visitou hoxe na Coruña un centro de fisioterapia liderado polos irmáns Ibán e Pablo Fernández Pérez, galegos retornados de París en 2021 e que foron beneficiarios destes apoios da Xunta para o fomento do autoemprego e a actividade emprendedora dos emigrantes retornados, que lle permitiu establecer o seu negocio na Coruña.
Alí lembrou que a convocatoria de 2024 destas achegas está aberta ata o 30 de setembro e que na do ano pasado se beneficiaron delas un total de 39 persoas da provincia da Coruña das 120 que obtiveron no conxunto de Galicia.
Ademais, o secretario xeral da Emigración subliñou que estes apoios son fundamentais para fomentar o emprendemento entre os galegos retornados, para contribuír ao desenvolvemento económico local e incorporar ao mercado laboral galego persoas con alta cualificación profesional desde o resto do mundo. O obxectivo, incidiu, é crear oportunidades reais para aquelas persoas que deciden regresar á súa terra.
No caso de Ibán e Pablo, eles xa contaban cunha ampla experiencia adquirida en París e agora incorpórana a Galicia. Comezaron a planificar o seu retorno en 2019 e o apoio recibido foi clave para a posta en marcha do seu centro de fisioterapia co que contribúen ao benestar da comunidade local e exemplifican o impacto positivo das políticas de retorno da Xunta.
As axudas son de 6.000 euros, aumentables en 1.000 se a persoa beneficiaria é muller, e noutros 3.000 se a empresa se pon en marcha nun concello rural. Deste xeito, unha persoa solicitante pode obter ata 10.000 euros de apoio para a posta en marcha do seu negocio, de maneira que poida fixar a súa residencia e integrarse social e laboralmente realizando as súas actividades empresariais e profesionais e favorecendo ademais o desenvolvemento do tecido empresarial de Galicia.
Estes apoios permitiron que nos últimos anos se destinasen desde o Goberno autonómico máis de 4 millóns de euros para a posta en marcha de preto de 800 proxectos empresariais en Galicia.
Iniciativas coma esta facilitan o acollemento aos emigrantes retornados que desexen iniciar unha nova vida en Galicia e entre elas tamén están as nas Oficinas Integrais de Asesoramento e Seguimento ao Retorno con sede nas principais cidades galegas e nas que as persoas interesadas se poden informar de todo tipo de axudas ao retorno.
A Xunta de Galicia, a través da Estratexia Galicia Retorna, continúa a traballar para ofrecer oportunidades reais de retorno aos galegos do exterior, con especial atención ao fomento do autoemprego e á creación de novos proxectos empresariais que fortalezan o tecido económico da nosa comunidade.