O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, advertiu do incremento “exponencial” do uso “malicioso e malintencionado” das tecnoloxías e animou a “actualizar e adaptar os coñecementos e mecanismos de resposta contra os ciberataques”, que se duplicaron no últimos catro anos.
Así o afirmou o conselleiro durante a inauguración do IV Encontro Galego de Ciberseguridade Ciber.gal, que se celebra na Cidade da Cultura e no que máis de sesenta expertos abordarán os retos da ciberseguridade para a cidadanía, as administracións públicas e as empresas en diversas mesas redondas, ás que asistirán máis de 2.600 persoas.
No seu discurso, Corgos enxalzou os rápidos e continuos avances tecnolóxicos, que serven para mellorar a calidade de vida das persoas e o seu benestar, así como para ter uns servizos públicos e unha Administración “cada vez máis eficaz”.
Con todo, lembrou que xunto con estes beneficios, os delitos informáticos duplicáronse en España o últimos catro anos, pasando dos 218.000 en 2019 aos 472.125 en 2023.
Por iso afirmou que é necesario apostar polo intercambio de información e experiencias e a formación en contornas dixitais e tecnolóxicas, co obxectivo de “planificar e realizar estratexias” para garantir a seguridade.
Corgos resaltou a firma de acordos de colaboración da Xunta co Instituto Nacional de Ciberseguridade (Incibe) e co Centro Criptológico Nacional (CCN); ademais da colaboración entre a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a Escola Galega de Administración Pública, que permite o desenvolvemento anual do Curso Superior de Ciberseguridade, así como cursos de formación continua para persoal público.
O conselleiro de Facenda fixo fincapé tamén na comunicación directa e continua coa cidadanía, a través de campañas de concienciación ou do portal ciberseguridadegalicia.gal, que centraliza toda a información e ofrece mecanismos de consulta e comunicación e tamén na necesidade de poñer máis esforzos nas pequenas e medianas empresas, xa que “pouco máis da metade das que teñen menos de dez traballadores” utiliza medidas de seguridade.
Por último, puxo en valor infraestruturas como o Centro de Excelencia en Ciberseguridade, que se está construíndo no Parque Tecnolóxico de Galicia, en Ourense, e ao que se lle destinan uns seis millóns ou a creación dunha rede de laboratorios e centros demostradores en ciberseguridade, en colaboración con institutos tecnolóxicos e universidades, como parte dun proxecto Retech que implica a tres comunidades (Galicia, Cataluña e Comunidade Valenciana).