O Defensor do Pobo destapa “castigos” nun psiquiátrico de O Pino, con pacientes atados e illados

O informe subliña o uso inadecuado de medidas restritivas como a contención habitacional ou mecánica
O Defensor do Pobo destapa “castigos” nun psiquiátrico de  O Pino, con pacientes atados e illados
Vista exterior do sanatorio A Robleda en O Pino | EP

Unha inspección do Defensor do Pobo destapou “castigos” nun psiquiátrico galego, o sanatorio A Robleda, onde hai persoas ingresadas que son atadas durante semanas e outras que permanecen illadas por longos períodos.


“O mero feito de dispoñer de castigos” é pouco “terapéutico”, indica o informe que subliña o uso inadecuado de medidas restritivas como a contención habitacional ou mecánica.


Dous técnicos realizaron unha visita sorpresa a este Hospital de Saúde Mental e tratamento de Toxicomanías, que desde 2007 está no Pino (A Coruña), aínda que antes operaba no barrio de San Lourenzo, en Santiago, para examinar o proceso de ingreso, a atención prestada e os procedementos empregados. 


Sobre as contencións, apreciaron que son “práctica habitual”, ás veces “durante semanas” nas que só se desata para hixiene persoal. A pesar de ser limitantes de dereitos, tanto as mecánicas como as farmacolóxicas, non ven os profesionais encargados da supervisión que se vaia a un uso adecuado, mínimo e imprescindible das mesmas. 


Neste senso, poñen dous exemplos ilustrativos tras o visionado dos vídeos: a contención a unha persoa tranquila, sen agresividade e que colabora; e outra inmobilización que durou nove días, seguida doutros tres máis de illamento habitacional.


“Illar” é outra “práctica común” sen soporte legal, que non está recollida en circulares nin documentos internos, detallan. E poñen o foco nos menores, pois para este colectivo péchanse dúas habitacións na segunda planta xerando un “falso espazo diferenciado”, con acceso a unha habitación e a unha pequena sala, e non ao resto, causando así un “risco aínda maior a unha idade crítica”.


Nas malas praxes descritas, mencionan igualmente a necesidade de extremar o rigor na detección de casos de posible agresión sexual. Citan unha denuncia dunha muller que relata que se lle tocan as súas partes íntimas e é insultada, pero non se menciona “resultado” algún da comprobación da veracidade do testemuño a través das cámaras que funcionan 24 horas na maior parte das estancias.


Así mesmo, os técnicos refírense a un funcionamento “especialmente irregular” destas cámaras. Outras deficiencias no proceder refírense ao trato “discriminatorio” aos ingresados no módulo de Psiquiatría fronte aos que están en sociosanitario en canto ao uso de dispositivos tecnolóxicos. 

 

“Hai persoas ingresadas desde hai máis de 20 anos” e privalas do uso de tales aparellos é “unha situación clara de vulneración de dereitos”.

 

 Tampouco hai un programa de deshabituación do tabaquismo, pero de modo “arbitrario” limítanse a seis os cigarros diarios e non dispón tampouco o centro, que en ocasións presta atención a pacientes derivados da sanidade pública, dunha canle adecuada para reaccionar ante malos tratos. Hai un exceso de “politerapia con antipsicóticos” e unha utilización da cama das persoas ingresadas como “cama de contención”, polo que deben durmir nun leito no que viviron episodios de maneira “altamente traumática”. 

O Defensor do Pobo destapa “castigos” nun psiquiátrico de O Pino, con pacientes atados e illados

Te puede interesar