O Consello de Ministros acordou este martes unha autorización de compromisos de gasto ao Ministerio de Transportes para que poida compensar á empresa concesionaria da autoestrada galega AP-53 pola redución de peaxe do 75% para os usuarios recorrentes.
O acordo de compensación á empresa Autoestrada Central Galega (Acega) figura na referencia do Consello de Ministros publicado antes de que a senadora do BNG Carme da Silva preguntase na sesión de control ao Goberno pola cuestión ao ministro de Transportes, Óscar Puente. Por iso, Da Silva agradeceu ao Goberno que cumprise con ese punto do acordo de investidura asinado entre o BNG e o PSOE en 2023.
Puente lembrou no pleno do Senado que a orixe desa peaxe, igual que o da AP-9, é unha prórroga á concesionaria por 75 anos que lle outorgou o Goberno na época na que estaba presidido polo PP de José María Aznar.
A bonificación alcanzará ata o 75% da peaxe para os usuarios recorrentes da AP-53, “igual que da AP-9”, destacou Puente. O ministro engadiu que “en abril as bonificacións serán unha realidade”.
Sobre as infraestruturas de transporte en Galicia contestou e á pregunta da sesión de control, formulada por José Manuel Balseiro (PP) sobre o feito de que case toda a provincia de Lugo quede á marxe do Corredor Atlántico ferroviario. Puente lembroulle que o Goberno de Mariano Rajoy non propuxera á Comisión Europea que o Corredor pasase por Galicia, petición que fixo o Goberno de Sánchez en 2021.
Con todo, indicoulle que non fale dos corredores ferroviarios “coma se fose o bálsamo de Fierabrás”, porque non é máis que unha denominación e o importante son cantas intervencións realízanse. Entre outras, citou que Lugo vai contar cunha estación intermodal e que xa se fixo o estudo de viabilidade do tramo de Lugo a Santiago.
Balseiro reprochoulle que Lugo estea “desconectado” da mobilidade ferroviaria, sen alta velocidade nin corredor de mercadorías e preguntoulle “que ten” persoalmente contra Lugo. Puente lembroulle que o seu pai é de Lugo e que recentemente el recibiu na cidade unha homenaxe como Vecino de Lugo do Ano, ao que, engadiu, non acudiron autoridades do PP porque el como ministro xéralles “traumas”.
O PPdeG denunciou este martes o “enésimo agravio” a Galicia por parte do Goberno central tras coñecerse a “prórroga número 40” ao prazo de presentación de emendas por parte da mesa do Congreso dos Deputados á proposición de lei relativa ao traspaso de competencias da autoestrada AP-9.
Nun comunicado, os parlamentarios do PPdeG no Congreso consideraron que a prórroga supón que “só no que vai de lexislatura xa se aprazase en 25 ocasións a tramitación parlamentaria desta iniciativa” que conta co respaldo unánime do Parlamento galego.