O naufraxio do ‘Pitanxo’ cumpre tres anos coa esperanza das familias do inicio do xuízo oral

O maxistrado extendeu o prazo de instrución á espera de dilixencias para “maior esclarecemento dos feitos”
O naufraxio do ‘Pitanxo’ cumpre tres anos coa esperanza das familias do inicio do xuízo oral
O pesqueiro ‘Villa de Pitanxo’, nunha saída de porto antes do seu afundimento nas augas de Terranova | Aec

Tres anos pasaron xa desde que o pesqueiro galego ‘Villa de Pitanxo’ naufragou en augas de Terranova (Canadá) na madrugada do 15 de febreiro de 2022, acabando coa vida de 21 dos 24 mariñeiros a bordo. Tres anos nos que as familias dos falecidos non pararon de pedir que se coñeza toda a verdade sobre o ocorrido.


A escasos días de que o vindeiro sábado se conmemore o terceiro aniversario desta traxedia, os familiares esperan agora que sexa este por fin o ano no que se termine a instrución do caso, que está a levar a cabo o xuíz Ismael Moreno da Audiencia Nacional, e se abra o xuízo oral.


Teñen todas as esperanzas postas niso, debido a que o pasado verán, Moreno decidiu prorrogar seis meses máis a instrución, estendéndose así até o próximo mes de marzo, debido a que estaba pendente a práctica de “dilixencias esenciais para un maior esclarecemento dos feitos”.

 

O documento dos peritos xudiciais apuntaba a un “erro humano” do capitán como causa máis probable do sinistro


Entre elas, un informe da Comisión Permanente de Investigación de Accidentes e Incidentes Marítimos (Ciaim), que depende do Ministerio de Transportes. A día de hoxe, aínda non saíu a luz o devandito informe.
Precisamente a este estudo referiuse a portavoz dos familiares das vítimas, María José de Pazo. 

 

En declaracións a Europa Press, subliñou que confía en que sexa “congruente” con todos os informes que se coñecen até a data, apuntando cara ao realizado polos peritos xudiciais (precisamente dous investigadores da Ciaim) após a baixada ao pecio.


E é que cabe lembrar que ese documento apuntaba cara a un “erro humano” do capitán, Juan Padín, como “causa máis probable” do afundimento do barco. Ademais, daba por “verosímil” a versión do mariñeiro sobrevivente Samuel Kwesi e vía “incongruencias” na de Padín e o seu sobriño, Eduardo Rial (os outros dous sobreviventes), indicando que “a causa máis probable” de que se parase o motor sería a escora do barco, ao contrario do que defendía Padín. Estas contradicións foron un dos motivos principais polos que se iniciou a investigación xudicial.

 

Afundimento


Aquel martes, pasaban uns minutos das 05.00 horas en España cando saltaron as alarmas, informando de que o buque sufría problemas nas xélidas augas do Atlántico Norte, unha zona próxima ao lugar onde se afundiu tamén o mítico ‘Titanic’ en 1912.


Segundo relataron as únicas tres persoas que salvaron as súas vidas, todo ocorreu moi rápido e en cuestión de 20 minutos o barco xa se mergullou por completo, quedándose menos de dez mariñeiros nun bote á deriva durante cinco horas, ata que foron atopados por outro pesqueiro galego, o ‘Playa Menduiña 2’. 

 

Con todo, moitos dos que estaban na balsa, que tiña unha fuga e estaba alagada, non soportaron as baixas temperaturas e faleceron antes de ser rescatados. 

O naufraxio do ‘Pitanxo’ cumpre tres anos coa esperanza das familias do inicio do xuízo oral

Te puede interesar