Os propietarios de cinco dos 25 parques eólicos máis antigos de Galicia, os que teñen máis dun cuarto de século de antigüidade, están repotenciando esas instalacións de forma voluntaria e os dos 20 restantes teñen un prazo de 18 meses para presentar o seu proxecto.
A Xunta puxo en marcha un plan de repotenciación dos parques eólicos con máis antigüidade, que permitirá a retirada de máis de 800 aeroxeradores, que quedan reducidos a unha media de 120.
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, visitou este martes en Zas (A Coruña) un dos cinco parques eólicos que hai actualmente xa repotenciados. Os restantes están todos na provincia da Coruña: en Corme, Cabo Vilán, Malpica, e entre Mañón e Ortigueira.
“En Galicia, nos próximos anos, vai aumentar a cantidade de parques eólicos repotenciados de forma significativa”, dixo a conselleira en base á lei de medidas fiscais e administrativas, que establece a obrigación de repotenciar aqueles parques eólicos cunha antigüidade de máis de 25 anos.
No caso de Zas, da empresa EDP, coa repotenciación o parque pasou de ter 80 aeroxeradores de 300 KW a dez de 2.400 KW, e duplicou a produción de enerxía de 52,8 GWh/ano a máis de 100 GWh/ano, equivalente ao consumo eléctrico de 30.000 fogares.
Trátase de aeroxeradores máis eficientes que coa mesma potencia instalada conseguen un rendemento que pasa das 2.200 horas de funcionamento a máis de 4.000.
Á espera de coñecer os datos do informe de Rede Eléctrica, Galicia é a terceira comunidade con maior produción eléctrica a partir da forza do vento.
A eólica foi a tecnoloxía renovable que máis GWh achegou durante 2023 ao mix enerxético (combinación das fontes de enerxía que cobren a subministración eléctrica), ata o 38,1%, segundo a Xunta.