O Partido Popular de Galicia (PPdeG) di que o Goberno central “escúdase na mentira” ao negarse a transferir a AP-9, así como “na súa falta de compromiso coa mellora das infraestruturas estatais na comunidade”. “É posible atopar unha solución, pero para iso necesítase vontade política”, afirmou.
Así o considera o eurodeputado popular, Adrián Vázquez, para o que, segundo trasladaron os populares nunha nota de prensa, a transferencia da autoestrada que vertebra Galicia e o avance na consecución da súa gratuidade constitúen “un asunto vital”. Por iso, afeou ao Executivo estatal a súa actitude respecto diso “escusándose en argumentos que non son verdade”.
“Noutros países europeos con autoestradas en situación similar á da AP-9 no que se refire ao rescate ou á supresión das peaxes, si foron capaces de atopar solucións”, explicou.
Así mesmo, fixo extensiva esta “falta de vontade política” tamén á negativa de “compartir a documentación que entregou á Comisión Europea e que, segundo eles, impide o rescate da autoestrada”.
Nesta mesma liña, a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, asegurou que a AP-9 non sería tan necesaria se o Goberno central “se puxese as pilas co caos ferroviario”.
Neste contexto, lamentou que “a relación entre Galicia e o AVE segue dando pasos cara atrás” e lembrou o “premio inmerecido”, na súa opinión, que recibiu o ministro de Transportes, Óscar Puente, o domingo 20 en Lugo. Así mesmo, criticou que Pedro Sánchez “pasa de Galicia e da conexión de Alta Velocidade con Portugal e, por tanto, perpetra o seu enésimo golpe a un proxecto fundamental”.
“É lamentable que amose máis interese polas infraestruturas galegas o Goberno portugués que o Goberno do noso país”, censurou á vez que destacou que os compromisos “se amosan con números e os números delatan o nulo interese do Goberno central con esta infraestrutura”.