Rueda amosa no Liceu de Barcelona o seu orgullo polos galegos en Cataluña

Rueda amosa no Liceu de Barcelona o seu orgullo polos galegos en Cataluña

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, aplaudiu a contribución dunha xeración de galegos que axudaron a impulsar Cataluña sen deixar de construír a Galicia moderna de hoxe. O mandatario galego interveu onte nunha gala-homenaxe á emigración en Cataluña celebrada no Liceu de Barcelona, un acto no que agradeceu o traballo de xeracións de galegos que construíron unha Galicia líder en proxección exterior, servizos de calidade e turismo.


No acto organizado polas entidades galegas en Cataluña representouse o espectáculo teatral ‘Unha xeración, dous mundos’, que reflicte a andaina de tantos galegos que, como os protagonistas da peza, fixeron as maletas na súa Galicia natal hai décadas para acadar un futuro mellor fóra. Alfonso Rueda resaltou que os que colleron o camiño de Cataluña non só contribuíron ao desenvolvemento da súa terra de acollida senón tamén da que deixaban atrás, de aí ese “xusto recoñecemento” no que o presidente da Xunta quixo sumarse a esta homenaxe. 
 

Segundo relatou Rueda, foi unha xeración que tivo éxito non só por sacar as súas familias adiante ou fundar empresas, senón tamén por combinar identidades con cordialidade, naturalidade e unidade. Así, o titular do Goberno galego subliñou que a Galicia de hoxe é froito e resultado do traballo de varias xeracións que tiveron que loitar para saír adiante tanto na terra de orixe como no exterior, e que grazas ao seu esforzo, a Comunidade pode presumir agora de rachar os seus teitos en exportacións, de bater récords no turismo da man dun Xacobeo excepcional e de investir máis que nunca en servizos de calidade para a súa cidadanía, grazas aos Orzamentos máis altos da historia da Comunidade. 


Ademais, quixo poñer en valor as cifras de retorno, cun saldo migratorio positivo no primeiro semestre de 12.800 persoas, logo de que moitos descendentes de galegos no exterior decidiran regresar á Comunidade. Na súa intervención ante a audiencia congregada no Liceu de Barcelona –onde o presidente da Xunta estivo acompañado, entre outros, polo conselleiro do Medio Rural, José González, o secretario xeral de Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín Garcí–, Alfonso Rueda louvou unha Galicia “estable, serena e cordial” que aspira a todo.

Rueda amosa no Liceu de Barcelona o seu orgullo polos galegos en Cataluña

Te puede interesar