O Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (CRPIH), que fixo trinta anos no 2024, vén de publicar un recurso en liña sobre as cantigas de romaría ou santuario no que se localizan as ermidas, capelas e igrexas mencionadas polos autores nos seus textos, con indicación precisa da súa ubicación e outra información relevante. Esta poesía romeira está integrada por máis de setenta poemas atribuídos a quince xograres e seis trobadores, e forman un subgrupo das cantigas de amigo, o maior corpus da poesía de voz feminina da Europa medieval.
Esta investigación insírese no proxecto Lírica profana galego-portuguesa, que dirixen as catedráticas de Filoloxía Románica da Universidade de Santiago (USC) Mercedes Brea e Pilar Lorenzo. A creación da plataforma cantigasderomaria.org contou coa “valiosa” colaboración de Juan Escourido, profesor da East Carolina University (USA). “O sitio web permite explorar mapas interactivos, textos orixinais e datos históricos e artísticos, así como fotografías actuais dos lugares mencionados nos poemas. Nestes textos, a protagonista acode a un sitio ‘marcado’ pola existencia dun pequeno edificio sagrado, xeralmente situado lonxe dos núcleos de poboación, para reunirse e falar co amigo (amante), ao que ás veces se espera en van”, segundo explican Brea e Lorenzo.
A localización dos lugares sagrados mencionados nos textos e as correspondentes fotografías pretenden achegar aos interesados na literatura medieval os espazos reais daquela poesía de santuario, coa intención de que os visiten e observen a transcendencia de sitios que gozaron dun recoñecemento colectivo e que, co paso do tempo, nalgúns casos o perderon (noutros, conservárono a través dos séculos) para ser só identificados a nivel local e para caer, en ocasións, no esquecemento e no abandono, tal como explican as especialistas, que tamén reivindican a “rehabilitación e acondicionamento” destes espazos vencellados á lírica medieval galego-portuguesa.
“Os principais problemas científicos cos que nos atopamos foron a cronoloxía, a homonimia dos lugares citados e as diferentes advocacións dunha mesma ermida, xa que foron cambiando nalgúns casos co decorrer dos tempos. Do conxunto documental podemos destacar que Johan Servando, con dezaséis cantigas, é o poeta máis prolífico. Sitúa as súas pezas na ermida de Pazos, no concello ourensán de Muíños (Baixa Limia), converténdose no santuario hispánico con máis poemas dedicados”, segundo afirma a profesora Lorenzo.
Dirixido a investigadores, estudantes, docentes e persoas interesadas no patrimonio histórico-cultural de Galicia, o novo recurso electrónico busca ampliar o acceso ao legado da lírica galego-portuguesa ao situala nun contexto global grazas ao seu carácter multilingue –galego, español e inglés–. Por outra banda, a colaboración transatlántica entre o CRPIH, a USC e a East Carolina University reforza “a relevancia internacional da iniciativa e destaca o seu potencial para conectar audiencias de diferentes países co patrimonio galego. En países moi afastados––– de nós hai interese académico pola nosa cultura e patrimonio, unha circunstancia da que non somos conscientes en Galicia”, tal como advirte a profesora Brea.
A nova ferramenta, que será presentada en Michigan, Toronto e Cincinnati, propiciará que tantos os especialistas como o público en xeral participen da fruición das “peculiares” cantigas seleccionadas, dunha maneira que sería difícil acadar mediante medios tradicionais, conclúen os tres investigadores, que tamén avogan pola creación dun roteiro cultural e turístico.