O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, aproveita a súa mensaxe de Fin de Ano para facer fincapé no récord histórico de visitantes, do Camiño de Santiago, ademais de engadir que "esta terra é exemplo de
responsabilidade, de estabilidade e de solidariedade".
En canto aos servizos públicos, Rueda comenta que "podemos sentirnos moi orgullosos de ter construído entre todos uns de primeiro nivel". "É unha das nosas maiores riquezas, e precisamente por iso é lóxico que sexamos inconformistas e aspiremos sempre á excelencia", asegura.
O presidente tamén ten unha mensaxe para a xente máis nova. Sei que moitas veces parece que o mundo avanza a un ritmo moito máis lento que os dos vosos desexos e obxectivos. Pero asegúrovos que con esforzo, constancia e dedicación, a vida que soñades acabará chegando. E para apoiarvos, a Xunta seguirá mellorando as políticas de emprego, as políticas de vivenda e a formación de primeiro nivel", afirma.
Ao mesmo tempo, agradece a oportunidade de ser o presidente da Xunta de Galicia. "O 2022 déixanos probas de que Galicia dá o mellor de si nos peores momentos. É algo do que todos creo que podemos sentirnos orgullosos. No meu caso, síntome privilexiado por camiñar ao carón das galegas e os galegos en cada nova etapa", di Rueda.
"Deséxolles que no 2023 afronten os novos retos con prudencia e con sentidiño, pero tamén con optimismo e ilusión. Haberá reveses, sen dúbida, pero os momentos felices, tamén sen dúbida, serán moitos máis. E cando haxa que superar obstáculos, farémolo como sempre fixemos os galegos: apoiándonos os uns aos outros. Desfruten destas festas e moi feliz e venturoso ano 2023 para todos!", remata.