A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático descartou a ampliación da emerxencia cinexética, decretada no mes de outubro e que concluíu este pasado domingo, para controlar a poboación de xabaril aínda que ve necesario manter un “control especial” sobre esta especie.
Así o informaron fontes do departamento autonómico, que precisaron que, con todo, estas cuestións abordaranse no grupo de traballo existente para tratar as incidencias provocadas polo xabaril e as medidas para adoptar e que se reunirá hoxe.
Con todo, avanzaron que, tras un estudo da situación actual, a Consellería concluíu que é necesario manter un control especial sobre o xabaril.
“Descartada a prórroga da emerxencia cinexética nos próximos catro meses –desde o 1 de marzo ata o 30 de xuño ambos os incluídos–, óptase por un protocolo con medidas de reforzo”, apuntaron.
Ademais, engaden que “o principal beneficio, fronte á emerxencia cinexética, é que poderán solicitarse batidas preventivas e non só cando se produciron danos”.
“Estas, suxeitas á preceptiva autorización, serán factibles cando os xabarís xa provocaron afeccións nas proximidades”. “É dicir, no caso de danos recorrentes ou repetitivos nunha determinada zona”, sinalaron.
As solicitudes poderán cursarse para calquera día da semana, sen límite, e serán resoltas nunha marxe de 24 horas. Bastará, precisaron desde a Consellería de Medio Ambiente, co envío dun correo electrónico.
O obxectivo deste protocolo é “axilizar a autorización de medidas de control do xabaril, á vez que se respecta o período de cría das especies silvestres, que coincide, ademais, coa época de semente”.