A Xunta impulsa o emprego e a revitalización do territorio a través do comercio local

A Xunta impulsa o emprego e a revitalización do territorio a través do comercio local
A campaña ‘Bono Activa Comercio’ saldouse na Coruña con máis de 2.500 comercios adheridos e máis de 3,5 millóns mobilizados | aec

A Xunta de Galicia continúa avanzando no impulso estratéxico e prioritario do comercio local e de proximidade non só como un motor de desenvolvemento económico e xerador de emprego, senón tamén polo seu indubidable papel como fonte de vida de cidades, vilas e pobos, fortalecendo o tecido social e revitalizando as súas contornas. Na actualidade está aberto (e permanecerá ata finais de ano) o proceso participativo e de escoita activa con todo o sector para elaborar da man de comerciantes, asociacións, centros comerciais abertos, praceiros ou artesáns o Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030, co obxectivo de poñer en consenso as diferentes visións do sector comercial e recoller as achegas de todos os axentes implicados para lanzalo no primeiro trimestre de 2025.

 

En 2025 destinaranse 5 millóns de euros aos Bonos Activa Comercio


A planificación abordará retos como a transformación dixital, a innovación, a remuda xeracional e tamén a modernización do sector comercial e artesanal desde unha perspectiva conxunta, consolidando medidas do executivo galego que veñen demostrando a súa eficacia ano tras ano (é o caso dos bonos Activa Comercio) e poñendo en marcha novas accións que impulsen o tecido comercial en sinerxía con outras realidades como a gastronomía ou o turismo, aproveitando as novas tendencias do mercado e os hábitos de consumo acordes aos tempos actuais.


Bonos Activa Comercio
Entre as áreas nas que está a traballar o Goberno galego e que contará con importantes apostas nos orzamentos do 2025 da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, inclúense medidas de gran impacto entre a cidadanía como os bonos ‘Activa Comercio’, con 5 millóns de euros para o vindeiro ano.

 

Entre o 6 e o 8 de decembro, Ribadavia acolle o evento ‘Artesanía, saber e sabor’


Precisamente, a sexta edición vén de constatar unha vez máis o seu éxito tanto entre os comercios como entre os consumidores. Así, o orzamento de 2,5 millóns de euros habilitado para descontos esgotouse en pouco máis de 48 horas, conseguindo mobilizar nese tempo máis de once millóns de euros en vendas no conxunto da comunidade. Cuns 7.000 establecementos adheridos, o balance confirma que iniciativas coma esta funcionan para dinamizar o consumo nos comercios locais e reforzar o seu mantemento e competitividade como axentes estratéxicos da economía. No caso concreto da provincia da Coruña, a campaña saldouse con máis de 2.500 comercios adheridos e máis de 3,5 millóns de euros mobilizados, dos que case 900.000 euros corresponderon á cidade herculina.


‘Artesanía, saber e sabor’ 
Por outra banda, a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e a Consellería do Medio Rural organizan a iniciativa ‘Artesanía, saber e sabor’, que terá lugar entre o 6 e o 8 de decembro en Ribadavia. A acción abranguerá un mercado de Nadal de Artesanía Alimentaria, promoción de Artesanía de Galicia e un completo calendario de actividades, como obradoiros dirixidos a familias e profesionais, catas, degustacións, baile, música ou sorteos. Este evento funcionará como punto de partida do proxecto ‘Vilas Vivas’, que será impulsado pola Xunta no 2025 co obxectivo de reforzar a dinamización do tecido comercial de vilas e cabeceiras de comarcas galegas. 


‘Artesanía, saber e sabor’ busca poñer en valor a artesanía e os produtos alimentarios galegos de calidade diferenciada, explorando novas experiencias para a súa comercialización a través do uso efémero de diferentes locais comerciais do casco histórico da vila (abertos ao público para este evento) e a igrexa da Magdalena. Ao longo de tres días participarán máis dunha vintena de artesáns e obradoiros adheridos á marca Artesanía de Galicia. Ademais, no que atinxe ao mercado de Nadal, as expositoras serán pequenas empresas que elaboran e comercializan produtos acollidos ao selo Artesanía Alimentaria dos diferentes sectores para os que se conta coa correspondente norma técnica. Así, haberá queixos, xeados, mel, embutidos e outros derivados cárnicos, marmeladas e outras conservas vexetais, cervexas, sidra, aceite de oliva, chocolate e derivados do cacao, entre outros produtos.


Na parte comercial, o evento de Ribadavia servirá como piloto dun proxecto máis amplo que a Xunta impulsará no 2025 baixo o nome de ‘Vilas Vivas’. O propósito é darlle unha nova vida a baixos comerciais en desuso de diferentes cascos históricos para o desenvolvemento de eventos efémeros que atraian visitantes durante as fins de semana, ligando deste xeito comercio, gastronomía, turismo e cultura para ofrecer unha experiencia integral que impulse as cabeceiras de comarca. Estas experiencias estarán abertas á participación de artesáns, bodegas, produtores de Artesanía Alimentaria ou mesmo outlets de moda. 

 

Impulso estratéxico do selo ‘mercados excelentes’

As prazas e mercados de abastos tamén son unha parte clave no ecosistema a través do que potenciar o tecido comercial das vilas. Por iso, a Xunta seguirá poñendo o foco en 2025 no impulso destes espazos e na súa certificación co selo de Mercados Excelentes, na liña da convocatoria resolta recentemente, con preto dunha trintena de concellos e entidades beneficiarias de axudas para avanzar na súa potenciación e integración nunha rede de mercados con esta distinción.


Ademais, o apoio da Xunta materialízase en investimentos específicos para reactivar o funcionamento de infraestruturas clave, como a Praza de Abastos Nº1 de Ourense, ou a creación dunha nova praza de abastos para o concello de Ponteareas.

A Xunta impulsa o emprego e a revitalización do territorio a través do comercio local

Te puede interesar