A Xunta mobilizará este ano case 24 millóns de euros para a mellora de camiños no rural galego

A Xunta mobilizará este ano case 24 millóns de euros para a mellora de camiños no rural galego
Imaxe do cartel de obra de mellora dun camiño a parcelas agrícolas

Os concellos galegos poden solicitar ata o vindeiro 3 de abril os preto de 18 millóns de euros cos que está dotado o Plan de mellora de camiños rurais 2023-2024, para optar ao orzamento máis alto deste programa desde o ano 2017. Enmarcadas no Plan estratéxico da Política Agraria Común (PAC) 2023-2027, estas achegas –publicadas o pasado 3 de marzo no Diario Oficial de Galicia– están cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural. A maiores, a Xunta está a traballar nun Plan extraordinario para arranxar camiños en concentracións parcelarias, que estará dotado con 6 millóns de euros neste 2023.
 

Canto ao Plan de mellora de camiños rurais, persegue a mellora de infraestruturas co gallo de xerar cohesión social e territorial, mellorando as condicións de vida e de traballo no medio rural. Así, os camiños rurais facilitan a accesibilidade e vertebración do territorio, reforzan o tecido social e contribúen a mellorar a capacidade organizativa das áreas rurais, dinamizan o tecido produtivo e fixan poboación.
 

Estas axudas financiarán nun 100% os gastos subvencionables. Deste xeito, pódense subvencionar as actuacións de ampliación, mellora ou mantemento dos camiños que formen parte da rede viaria de acceso a unha ou varias entidades de poboación. Considéranse obras de ampliación aquelas que supoñan un incremento da largura que incidan na mellora da seguranza viaria, permitan o cruce de vehículos ou sobrelargos necesarios en zonas de curvas, de baixa visibilidade ou entroncamentos. Por outra banda, son actuacións de mellora aquelas que supoñan un reforzo do firme existente coa incorporación de novas capas máis axeitadas ás características do tráfico rodado que soportan.    

 

Solicitudes

Neste senso, cada concello poderá presentar unha única solicitude de axuda con ata un máximo de tres proxectos e cada un destes proxectos poderá comprender un máximo de tres actuacións. Neste sentido, enténdese por actuacións a intervención sobre un mesmo camiño, ou ben sobre varios, sempre e cando, neste último caso, as obras proxectadas teñan unha continuidade física.  
 

Todos os proxectos que se presenten deberán cumprir unha serie de requisitos. En primeiro lugar, non deben estar iniciados antes da data de presentación da solicitude –aínda que si que poden comezar a executarse antes da resolución das axudas–. Neste senso, os proxectos deben desenvolverse no territorio galego, exceptuando as parroquias clasificadas como zonas densamente poboadas. 
 

Para a distribución dos fondos desta iniciativa, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural acordou coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) os criterios de repartición. Deste xeito, a partida dispoñible repártese en cada convocatoria entre os 313 concellos da comunidade, partindo dunha asignación fixa por concello, que se incrementa en función do número de entidades de poboación e do número de habitantes do municipio. Ademais de ter en conta outros requisitos, na distribución dos fondo prímanse, por exemplo, aqueles concellos que foron obxecto dun proceso de fusión municipal.
 

Cómpre engadir que entre 2016 e 2022, a Xunta destinou máis de 104 millóns de euros para a mellora de 4.830 camiños, o que supón a intervención nun total de 3.800 quilómetros de vías rurais. Así, a media resultante é de 0,8 km/actuación.

A Xunta mobilizará este ano case 24 millóns de euros para a mellora de camiños no rural galego

Te puede interesar