A Xunta de Galicia acaba de publicar no Diario Oficial de Galicia as datas para a realización dos exames que permiten obter os certificados oficiais que acreditan o coñecemento da lingua galega e que se celebrarán entre o 10 e o 31 de maio en Santiago de Compostela, Ponferrada e, tras máis dunha década, volverán a facerse tamén en Madrid.
Trátase da primeira convocatoria que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude efectúa este 2025, centrada neste caso nas probas correspondentes aos niveis Celga máis solicitados, o 2, o 3 e o 4. A maiores, tamén se leva a cabo en Santiago de Compostela as probas correspondentes ao nivel Celga 1. Desta maneira, preténdese continuar favorecendo o coñecemento e emprego do galego en toda a sociedade e, especialmente, entre aquelas persoas non nacidas en Galicia ou que non tiveron este idioma como lingua nai, impulsando o interese por el.
Deste xeito, no caso das probas para a obtención do Celga 4, a convocatoria estableceuse para os días 10 e 11 de maio tanto en Santiago de Compostela, como en Ponferrada e Madrid. Así mesmo, as datas das probas dos niveis 3 e 2 quedaron fixadas para os días 24 e 25 de maio, respectivamente, nas tres cidades e para todas as persoas admitidas. No caso do grao 1, será só en Santiago de Compostela o 31 de maio.
As listaxes definitivas das persoas admitidas, que foron preto de 2.500, poden ser consultadas no Portal da Lingua Galega . En todos os niveis de acceso e nas tres cidades a hora de comezo dos exames será ás 9,00 horas. No caso de Santiago de Compostela, realizaranse no instituto Antón Fraguas para os niveis 4, 3 e 2, mentres que para o Celga 1 será na Escola Galega de Administración Pública. En Ponferrada, celebraranse as probas na Escola Oficial de Idiomas desta localidade, mentres que en Madrid, os exames serán na Casa de Galicia.
A través desta convocatoria, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude mantén o seu compromiso coa promoción da lingua e a cultura galegas e o seu acercamento a outros territorios, dando así a oportunidade a que cada vez máis persoas poidan obter esta certificación. No marco do impulso do uso do idioma e do proceso iniciado baixo o Pacto pola lingua, a Administración Autonómica tamén está a poñer en marcha outras iniciativas como cursos previos para a preparación dos exames ou materiais didácticos gratuítos dispoñibles para a súa consulta no Portal da Lingua Galega.