Ángel García Seoane: “Levaremos a Vía Ártabra ao Parlamento de Galicia"

Ángel García Seoane: “Levaremos a Vía Ártabra ao Parlamento de Galicia"
O alcalde oleirense, Ángel García Seoane

Ángel García Seoane foi electo alcalde de Oleiros por décima vez o pasado 28 de maio e, aínda que perdeu ata 1.200 votos, revalidou a súa maioría absoluta. Nesta nova etapa á fronte do concello ten por diante varias actuacións para mellorar a vida dos cidadáns, e avisa de que, coma sempre, non escatimará en ideas para reivindicar as súas peticións. O mesmo que levou un burro ata a delegación coruñesa da Xunta ou se vestiu de toureiro para sortear coches en Solymar, promete mobilizarse pola Vía Ártabra.

 

Que balance fai destes cen días? 

A maquinaria do Concello non se parou en ningún momento e seguimos sacando adiante importantes proxectos, obras e servizos. A destacar, entre outros, a inminente finalización do Parque das Trece Rosas co axardinamento do ámbito máis próximo á praia de Bastiagueiro pequeno e a creación de novos servizos nesa zona, o inicio da última fase da rehabilitación da Finca Tenreiro para crear un albergue, as melloras no patio do Colexio Valle Inclán, a renovación do parque infantil de Rialta, ou as contratacións das obras de beirarrúas na avenida Che Guevara en Perillo (marxe dereita tramo El Mirador del Madrileño-rotonda Che Guevara) e pavimentación das rúas da urbanización O Pinar, ou do servizo de conserxería para instalacións deportivas. Tamén sacaremos a licitación nos próximos o novo contrato de Servizo de Axuda no Fogar por importe de 1,8 millóns anuais.

 

Que actuacións teñen por diante para levar a cabo este mandato?
Continuaremos reforzando as nosas políticas sociais, culturais e deportivas e seguiremos a manter en óptimas condicións a importante rede de equipamentos e infraestruturas públicas que creamos ao longo dos anos por todo o territorio. Tamén temos prevista a creación dun paseo costeiro polo litoral de Dorneda, desde a praia de Naval ata Canide; construción dun edificio multiusos para espectáculos culturais e deportivos en Bastiagueiro –xa contratado-; polideportivo en Nós; promoción de vivendas para veciños e veciñas de Oleiros a prezos inferiores aos de mercado; e finalización das obras xa iniciadas do paseo fluvial de Iñás e Nós e do parque público da Rúa do Mar –financiado e cedido por Sandra Ortega–.

 

Obxectivos que marca para o Oleiros de 2027.
Mellora das infraestruturas viarias principais de comunicación dependentes da Xunta e o Estado: ampliación da Ponte Pasaxe e conexión da Vía Ártabra coa AP-9; rotonda de Montrove; mellora dos colectores xerais que abastecen de auga a Oleiros e novo depósito en Nós.

 

Logrouse o dragado da ría pero as obras están traendo problemas ao municipio. Que reclama?
A conexión do paseo da ría pola fronte marítima, desde Beiramar ata Cambre.

 

Xa ten ideas para dar a batalla pola Vía Ártabra?
Levaremos o asunto ao Parlamento de Galicia e ao Consorcio das Mariñas e mobilizaremos á cidadanía con campañas informativas. 
 

Ángel García Seoane: “Levaremos a Vía Ártabra ao Parlamento de Galicia"

Te puede interesar