O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, puxo en valor os 3,4 millóns de euros que destina o Goberno para formar en competencias dixitais a 1.300 directivos galegos ata 2025. Fíxoo durante a presentación do programa ‘Generación Digital Pymes’ na escola de negocios EF Business School de Oleiros que, xunto coa universidade privada CESUGA, son os centros que se encargan da devandita formación.
O delegado destacou que o Goberno de Pedro Sánchez está a investir en Galicia máis de 100 millóns de euros a través do Plan de Recuperación para favorecer a transformación dixital das súas empresas, cartos dos que xa se teñen beneficiado máis de 25.000 firmas na comunidade, preto de 8.000 delas na provincia da Coruña.
Nesta liña, afirmou que o Goberno de Pedro Sánchez “é o mellor aliado das empresas galegas”. Proba diso son iniciativas como esta, que executan en Galicia a universidade privada CESUGA e a escola de finanzas EF Business School, ás que o Goberno inxecta 3,4 millóns de euros. “Este Goberno segue a axudar ás empresas e aos empresarios, o que tamén contribúe á transformación da nosa economía e do noso modelo produtivo; un exemplo máis do moito que se pode facer coa colaboración público-privada”, apuntou o delegado.
A Fundación Venancio Salcines (FVS), que está detrás das dúas institucións que imparten a formación, vén de asinar un acordo coa Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) para promocionar este programa do Goberno. A este respecto, Pedro Blanco animou ás empresas coruñesas e galegas a que non deixen pasar esta oportunidade única, e tamén a aquelas persoas que se queiran formar “para ser protagonistas da transformación dixital que está a promover o Goberno cos fondos do Plan de Recuperación”.
Pola súa banda, Venancio Salcines, presidente de FVS e de efbs Grupo Educativo, así como do consello reitor de CESUGA, agradeceu a visita do delegado e sinalou que a elección do grupo educativo como principal partner do Goberno para executar en Galicia o programa para a transformación dixital das pemes “vén recoñecer a calidade da formación que levamos impartindo dende hai máis de 20 anos”, respaldada tamén pola recente inclusión de EF Business School no ranking Forbes como mellor escola de negocios galega e entre as dez mellores de España.
O delegado salientou tamén que o Goberno de Pedro Sánchez “está a facer do Plan de Recuperación unha ferramenta inmellorable para o crecemento empresarial”. Outros exemplos diso son os 75 millóns de euros que mobiliza no plan de Apoio ao Emprendemento Industrial, que facilita a creación de novas iniciativas industriais e o crecemento e mellora da competitividade das empresas; o Kit Dixital, que xa mobilizou 33 millóns a través de máis de 7.500 bonos na provincia da Coruña, ou as oficinas do programa Acelera Pyme.
“Todas estas partidas exemplifican o noso compromiso e evidencian, unha vez máis, que este Goberno está do lado das empresas, dos empresarios e das empresarias, e vai con eles da man, poñendo enriba da mesa os investimentos que fagan falta para mellorar a súa competitividade”, concluíu o delegado.