25-X: galeguistas contra Galicia?

Cando este artigo vexa a luz pública, faltarán só cinco días para o 25 de Xullo, Día Nacional de Galicia. Unha data que debería chegar cada ano acompañada de importantes debates políticos, cousa que para nada ocorre. A intelectualidade dos distintos galeguismos non parece ser capaz nin de tal cousa mínima. Eis aí a Galicia Reducida, sempre máis atenta á incapacidade que á potencia, onde todo se centra en slogans adolescentes ou cultura de panteón. Un monumento inmóbil sen apenas fendas, aínda que as haxa e estean ben logradas.


Haberá rituais, moitos, e repetidas exaltacións do nacional-compostelanismo, pero poucas ideas novas xusto cando este país vive un tempo de innovación e oportunidades históricas. Niso haberá que fixarse. No que somos líderes ou podemos selo, nesa Galica puxante que nega falsos destinos malditistas e sabe que ten un presente con varios problemas, como é lóxico, moitos deles debidos ao escaso pulso da eterna Xunta do PP, pero cun presente notable que, a maiores, apunta moi ben cara un futuro de avances.


Por desgraza, ante a ausencia dun marco de discurso masivo do galeguismo progresista, o Día Nacional volverá encherse de discursos cercanos ao reaccionario. Débese isto á habitual aposta por enfocar a data coma unha ofrenda exclusiva a señores do ano catapún, na que non adoita asomar a actualidade e si vellos dogmas sen ambición. Poñamos un exemplo, miremos á tradicional manifestación do nacionalismo polas rúas de, claro, Santiago.


Sabido é que o grande leitmotiv da marcha do BNG este 25 de Xullo será a oposición a un futuro industrial para Galicia. Tras ofrecer unha traballada imaxe do Si durante a campaña, tras as eleccións autonómicas o Bloque volveu con toda a forza a ser os do Non. Fóra disfraces. Tras defender ideas de hai 60 anos, e máis que caducadas, no Congreso da UPG, o seu líder, Néstor Rego, recoñeceu que o obxectivo agora dos nacionalistas -unha forma de galeguismo- é frear cousas. Nada de eólicas, nada de novas fábricas, nada de minaría. Polo tanto, a súa idea de Galicia é clara. Volver a ser un país dedicado ao agro e á pesca. Como hai 60 anos.


Está en marcha unha revolución industrial en clave verde, que ten un importante apoio nos fondos da Unión Europea e, tamén, na súa ambiciosa lexislación ambiental, que non permite os excesos de hai décadas. Pero, como monxes chiflados, estes sectores afirman que tal cousa non existe, que os avances científicos, tecnolóxicos e normativos son mentira, que queren “destruír” Galicia, país cuxo desenvolvemento recente sempre foi cara diante, e máis que pode selo. Pero seica reclaman un stop. Non ten xeito.


Dixo Hannah Arendt que os conservadores son “complemento opositor aos partidarios do progreso”. Este Día Nacional de Galicia serve, de novo, para reivindicar un galeguismo progresista, de verdade. Aínda que o fagamos menos dos que deberían.  

25-X: galeguistas contra Galicia?

Te puede interesar