O achaque da sanidade pública

Achaque é substantivo que nos fala dunha enfermidade crónica ou alteración leve da saúde que se repite con frecuencia. Tamén da atribución dun defecto ou vicio. Aínda máis, do propio defecto ou vicio que se pode achacar. Daquela é palabra ben acaída para abordar o estado actual de absoluta emerxencia que se produce arredor da situación na atención sanitaria pública, especialmente no marco da medicina de familia; e dicir, no Servizo de Atención Primaria e dos PACs. E non só neses.


Daquela, retranqueira e oportuna foi a iniciativa popular de propor que nas fogueiras do San Xoán, á hora de queimar os vellos problemas para dar nacemento a novos tempos de esperanza e xustiza, co lume se fixera purificación dos males da sanidade pública, dende os recortes de profesionais médicos ou da pediatría ata as listas de espera e a demora de diagnósticos sen esquecer o peche de camas no verán; e tampouco da situación nas urxencias e nos Puntos de Atención Continuada.


Cadra coa máis que xustificada, e polo tanto pertinente e atinada, iniciativa da plataforma cidadá SOS Sanidade Pública, colectivo de profesionais sanitarios, organizacións políticas, sindicais e cívicas que veñen de rexistrar no Parlamento Galego unha Iniciativa Lexislativa Popular para obrigar por lei aos responsables da política sanitaria, a que reforcen e fortalezan a Atención Primaria no ámbito do Servizo Galego de Saúde, probablemente o sector do SERGAS que con máis intensidade leva soportado a teimosa acción das tesoiras cos recortes e desprezo das autoridades sanitarias, incrementada baixo pretexto da pandemia sanitaria do Covid-19, creando así un panorama de acusado deterioro pola redución de profesionais, a carga do número de pacientes por facultativo, a non substitución de baixas e xubilacións; e polo peche de axendas, deixando a moita xente sen médico de referencia nunha especie de cesta de atención sorpresa na que cada vez pode ser consultado por persoa diferente e, peor aínda, basicamente nun sistema robotizado de atención telefónica ou soportando unha demora temeraria en listas de espera inconcibibles e PACs ao límite. Por iso, a ILP busca un acordo parlamentario que impoña unha serie de medidas para garantir o acceso da poboación á Atención Primaria, poña remate ás listas de espera, logre un nivel de persoal suficiente, garanta a equidade na atención e mellore as condicións laborais e de estabilidade dos profesionais sanitarios; entre outras reivindicacións afíns á causa dunha digna Sanidade Pública.

O achaque da sanidade pública

Te puede interesar