Unha vez que o Nodo galego de Intelixencia Artificial seleccionou á Coruña como a cidade galega con máis opcións para albergar a sede da Axencia Estatal de Supervisión de Intelixencia Artificial (AESIA) todos os galegos debemos apoiar esa elección se queremos que a nosa comunidade teña posibilidades na disputa nacional. A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, impulsou unha candidatura da man da Universidade da Coruña e dos axentes económicos e sociais da cidade que conseguiu o apoio unánime de toda a corporación mais tamén de toda a sociedade coruñesa. O respaldo técnico do nodo de intelixencia artificial e agora político da Xunta de Galicia á proposta da Coruña, fai da cidade da Coruña a candidatura de toda Galicia.
Ninguén dubida xa de que a posibilidade de que a Axencia se sitúe na Coruña contribuirá de xeito decisivo a xerar actividade económica e riqueza en toda Galicia ao mesmo tempo que apuntala o papel da cidade como o que xa é, a capital galega das novas tecnoloxías.
A Coruña competirá agora con outras importantes cidades españolas que lexitimamente aspiran ao mesmo fin, mais estamos convencidos de que a nosa é a mellor proposta dado que cumpre con todos os requisitos: sede para albergar a axencia, cun edificio singular como A Terraza, infraestruturas de conexión, un potente ecosistema universitario e por suposto económico, só o municipio da Coruña ten 731 empresas TIC, case o 25% das que hai en Galicia e máis do dobre que o seguinte municipio na lista, o 28% do emprego galego no sector (máis de 5.700 empregados) está na Coruña, e chega ao 50% se contamos a área coruñesa.
Mais ademais, agora sí, a candidatura da Coruña conta co apoio e implicación de toda a sociedade galega a través das súas institucións, universidades, empresas e organizacións sociais e empresariais. Por suposto, non podemos dar todo por feito, queda moito camiño por diante e por tanto resulta máis necesario ca nunca manternos unidos todos, desde os grupos políticos ata o tecido social e económico, que vaimos na mesma dirección.
A candidatura da Coruña é xa a candidatura de Galicia e así se presentou en sociedade e no proceso de selección co obxectivo de ser a mellor a nivel nacional e conseguir que a nosa comunidade se consolide como referencia nacional en materia de desenvolvemento tecnolóxico.