Todo agosto é tempo de festa, cultura, relaxación e intercambio, así o conseguiron os traballadores hai tempo, cando grazas ás súas demandas conquistaron o dereito a vacacións pagadas. Ese éxito significou que un privilexio dos ricos, o turismo, pasase a ser de usufructo popular, algo que parece esquecer toda esa esquerdísima galega que agora se queixa porque lles molestan as risas das familias pobres de Alcorcón nas “súas” praias e rúas.
Pero eu viña aquí a falar doutra cousa que pasa en agosto en Galicia. A dos mortos daquel verán, por usar a expresión do escritor Carlos Casares. Foi neste caloroso mes de 1936 cando a represión por parte dos autores do golpe de estado que levou a Franco ao poder chegou ás súas maiores cotas, levándose por diante a vida de moitos dos principais representantes electos do país naquela altura, só por pensar distinto. Auténtica barbarie, que nas dúas últimas décadas a sociedade está reparando por medio da chamada Memoria Democrática.
O pasado xoves, o nacionalismo galego celebrou o que eles chaman ‘Día da Galiza Mártir’, co que lembran o vil asasinato en 1936 do economista e político pontevedrés Alexandre Bóveda. O recordo a esta figura é transversal, tanto PPdeG, con presenza en actos, como PSdeG e Sumar apoiaron a homenaxe. Cousa que non ocorre con outras vítimas.
Ao día seguinte, cando se fixeron 87 anos do crime totalitario que acabou coa vida de Xaime Quintanilla, alcalde de Ferrol pioneiro na conxunción entre socialismo e galeguismo, o PSOE quedou case só lembrando a súa memoria. Non ocorre iso con tanta intensidade no caso de Ánxel Casal, alcalde coruñés de Santiago asasinado ao día seguinte, que ten un chisco máis de presenza por mor da capitalidade compostelanista, pero menos do que merece. Pero xa se nomeo a Emilio Martínez ou Alfredo Suárez talvez non teñan nin idea de quen lles falo. Pois o primeiro era o alcalde de Vigo. O segundo o da Coruña. Os dous foron tamén liquidados naquel agosto terrible. Mais Galicia apenas os recorda.
O nacionalismo da vella liña UPG triunfou ao centrar en Bóveda a historia daquela represión, tamén porque o resto dos galeguismos políticos deixáronlle facer, un erro habitual. Pero -ademais de que o concepto de Memoria Democrática debería desterrar o de Martiroloxio que propón o Bloque- cómpre dicir que é algo inxusto. Que non mataron só a un. Que con todas as cousas boas que fixo aquel católico galeguista, hai moitas máis figuras que merecen como mínimo a mesma lembranza, cando non máis.
A honra aos que perderon a vida a mans do fascismo debería ser cuestión transversal, mínimo común demócrata. Nunca terreo para que un partido político manobre e consiga que se defenda máis ao seu que a outros, como aos esquecidos alcaldes republicanos da Coruña e Vigo. E tantos noutros concellos. Porque mataron a 5.000 persoas, non só unha. Todas merecen lembranza.