Amigos para sempre

Se o papa Calisto II, o arcebispo Diego Xelmírez e outros da época, entre eles  Aimerico Picaud, levantan a cabeza e observan que o Codex Calixtinus está hoxe de plena actualidade, van correndo na procura do primeiro confesionario e decláranse culpables. Laméntanse, rezan, choran e rin ao mesmo tempo. O Liber Sancti Jacobi deu moito de si e os peregrinos modernos queren coñecelo, queren aprender da historia e queren saber se eles son como eran os peregrinos da idade media. 


Queren pescudar na economía das peregrinacións, nas atencións aos peregrinos, no márketing, na delimitación das rutas de peregrinación a Santiago, no espertar do Xacobeo e na influencia do camiñar ou peregrinar na economía das zonas polas que pasa o Camiño de Santiago, “a poderosa industria de Galicia”. 
Tres dos millares de peregrinos que chegaron antonte a Santiago, foron onte na procura do seu coche aparcado nun lugar a cen quilómetros do punto final do Camiño. Recolleron a Compostela e alá foron na procura do seu coche para volver á casa. A experiencia para os tres foi extraordinaria, “para repetir tan pronto se poida”. 


Aquí levamos A Compostela. Non serve para nada, pero nós queremos levala, é unha evidencia, un papel, un diploma que vai na mochila, no corazón e na alma. “O Camiño esperta e aviva os sentimentos”, dicía un deles, Alfredo, o máis novo do trío, e une vontades, apuntaba Xesús, outro dos que “imos namorados da paisaxe galega, da gastronomía, das subidas e baixadas, dos ríos, da vexetación e da xente”. 


O Camiño é algo diferente, unha ruta para andar, que vai dende a túa casa ata a casa do Apóstolo Santiago. Unha ruta que deu moito que falar, moito que estudar e moita riqueza. Os peregrinos e os camiñantes, cada vez, están máis atentos ao andar do Camiño, ao facer da xente, á mirada da xente e á atención da comunicación. “O Camiño, como di a Tía Manuela, é fundamentalmente comunicación”.


Descubrimos formas de negocio innovadoras, dixo Manuel, un experto en electrónica e en informática, capaz de aprender no Camiño o que non se podía estudar na universidade. Como exemplo, referiuse ao aparcadoiro aquel onde deixas o coche por uns cantos euros ata que rematas a peregrinación. Que como moi ben apuntaba outro dos seus colegas, “non é peregrinación nin é nada”.


Para o vindeiro ano faremos outro Camiño ou outro tramo deste mesmo, “é un pracer enorme rematar a xornada coa tarefa cumprida e a cabeza descansada”. Efectivamente, ao rematar cada día, o importante e conveniente é prepararse para o día seguinte, cear, falar, escoitar, rir e, se é o caso, soñar. Os tres chocaron as mans, intercambiaron enderezos e, a partir de agora, “amigos para sempre”.

Amigos para sempre

Te puede interesar