Odía que Ana Peleteiro fixo historia obtendo a medalla de bronce nos Xogos Olímpicos de Tokio, triple salto, a súas palabras durante os botes que a levaron ao podio foron: aagggghhh!!! Como as tenistas, as saltadoras berran no momento decisivo. En que idioma? Cando estaba vendo a proba na tele, o meu desequilibrado cerebro asumiu, sen dúbidas, que estaba rompendo a gorxa en galego. Talvez esa percepción non fose de todo rigorosa, ao contrario da realidade: unha atleta de Ribeira, galego-falante, acababa de facer algo sensacional. Era o triunfo dela, pero sentímolo noso.
En 2019, dous anos antes do chimpo co que puxo o ramo (temporal) a unha carreira brillante desde moi nova, Peleteiro acudiu ao programa Land Rover da TVG, onde fixo unha bonita defensa da identidade deste país, Galicia: “Ti vas polo mundo e todos falan o seu idioma, se eu teño un idioma porque vou estar cambiando as miñas raíces, Galicia e o galego son as miñas raíces”. No fondo, sentido común básico. Despois diso, presentou as badaladas de Fin de Ano xunto a Xosé Ramón Gayoso, que, se cadra, é tanta ou máis medalla que a de Xapón. Polo medio, recibiu unha multitude de parabéns polo seu natural galeguismo.
Esta semana, todo o contrario. Anunciou a atleta de Ribeira hai uns días que vai ser nai. Despois, nunha entrevista explicou a cuestión lingüística á que se enfronta. Dixo que ela e o seu compañeiro falan entre eles en inglés e viven en Francia, o que levará ao vindeiro rapaz ou rapaza a entender dous idiomas por inmersión, que é como se transmiten.
Pero dado que a cuestión de educar resulta complexa, engadiu que ela lle falará “exclusivamente” en castelán. E que o seu fillo/a tamén saberá galego porque esa é a lingua que a medallista usa cos seus pais e, polo tanto, será a do trato cos avós. Ao ler esas declaracións, alegreime, outro proba de que o galego ten futuro, compartindo unha familia xunto ao inglés, francés e castelán. Outro triunfo dela que sentín cercano.
Pero despois entrei en Twitter e xa me borraron o sorriso. Os puros e elevados bramaron en redes sociais contra a decisión da futura nai. Moitos deles eran os mesmos que erosionaron as mans aplaudindo á atleta do Barbanza cando o do Land Rover.
Seica cambiou algo daquela a esta. Afirmaban os críticos que reservar a transmisión do galego á firme familia supoñía un pecado. Se cadra, Peleteiro ten que inscribir ao seu bebé na Galescola de Lyon. Pero resulta que non existe. Aqueles que defendemos o galego como lingua propia deste país vivimos baixo varios lastres. Entre eles, a incapacidade para a alegría de gran parte dos que pensan como nós. Todo é negro, extinción, aldraxe e blasfemia. Pero non. Estamos vivos, nunca a nosa lingua estivo tan presente en cultura, ensino, institucións ou comunicación como agora. Claro que hai moito que reparar políticamente, pero imos bastante mellor que hai 40 anos. Se somos sinónimo de amargura será máis complicado.
Ana Peleteiro vai ser nai. Ninguén pode impoñerlle un estilo de maternidade nin debe criticala por ese concepto tan fúnebre da “obriga patriótica”. Vai nacer un ou unha galego-falante, na porcentaxe que sexa. Avanzamos. Seino eu, que nos bares do Castrillón igual solto un fisterrán “eló, xa caghou o can?” que un koruño “neno, le metes mucha briza al buga”. Queda demostrado así que -sen deixar de ser galegos- sabemos brincar dunha fala a outra, por iso adoramos os marabillosos saltos de Ana Peleteiro.