Anonimato dixital e responsabilidade

No Brasil, xuíces veñen de suspenderen temporalmente a rede “X” (exTwitter) e no pasado adoptaran decisións idénticas a respecto de Whatsapp e Telegram. Esta última tamén no fío da xustiza francesa que vén adoptar medidas represivas contra do seu Conselleiro Delegado  pola falta de moderación e a de cooperación. Ante un mundo sen control das empresas que fan negocio coas redes sociais de maior uso, hai países e xustizas que están a se atrever a poñer portas a este campo.  Por agora hai unha xigantesca cidade sen lei, unha especie de novo afastado oeste que realmente xa non é afastado porque está en todas partes. É o planeta global onde vivimos todos. 


Nun mundo onde a tecnoloxía avanza a pasos axigantados, o anonimato dixital converteuse nun dos maiores retos que debemos afrontar como sociedade. Os “pasamontañas do século XXI” xa non son pezas de tea que ocultan o rostro, senón pseudónimos e avatares que permiten que calquera se esconda tras unha identidade ficticia, liberando, en moitos casos, os peores instintos e comportamentos das persoas. Por veces orquestrado por interese espurio e manipulación guiada.


A impunidade que ofrece o anonimato nas plataformas dixitais propicia un entorno onde o odio, a desinformación e a violencia verbal campan ás súas anchas. É común ver como persoas que, noutras circunstancias, manterían un comportamento respectuoso e civilizado, aproveitan o anonimato para insultar, ameazar ou difundir falsidades. A protección que ofrece non revelar a identidade real permite que se desate o peor de cada un, transformando o espazo dixital nun campo minado, onde é difícil navegar sen tropezar con toxicidade. A río revolto, sempre haberá gañador.


Non só afecta ás interaccións entre individuos, senón tamén aos grupos e ás comunidades enteiras. A falta de responsabilidade que implica o anonimato potencia a formación de “manadas dixitais” que, escudadas na invisibilidade, atacan a quen consideren un obxectivo fácil. Véxase senón o momento racista. Esta dinámica crea un ambiente de medo e desconfianza, onde a liberdade de expresión, en lugar de ser un dereito protexido, convértese nunha arma de destrución social.


Ante esta realidade, é imperativo que se tomen medidas para rematar con este anonimato descontrolado. Isto non significa renunciar á privacidade nin á protección de datos persoais, pero si require un equilibrio onde a liberdade dixital non implique unha patente de corso para a destrución de todo o que é positivo na convivencia en liña. É necesario instaurar mecanismos que permitan a actuación libre e responsable dos usuarios nas plataformas dixitais, de maneira que todos sexan conscientes de que as súas accións teñen consecuencias reais, malia ser nun entorno virtual.

Anonimato dixital e responsabilidade

Te puede interesar