Vostedes talvez non, ou si, pero eu coñezo eses ambientes dos que lles vou falar. Os de estar sentado nunha mesa con galeguistas, nacionalistas, clásicos. Que comezan sacar anécdotas. E todas, pero todas, que cren estupendas, van sobre aquel señor que en tal aldea facía tal cousa con tal ferramenta para tal curioso resultado con herbas, ou animais, ou pedras. Sempre se refiren a cando eles eran novos, ou a algún familiar, ou a tal dinastía de tres carreiros máis alá. Moi ben, que eu adoro todo iso, e non só por ter a miña orixe e futuro en Fisterra. Pero. Pero.
Vinme nesa situación algunha vez. E menos mal que estaba finxindo, que senón soltaría eu algunha anécdota tan galega como calquera. Por exemplo, aquel día que nun bar de barrio da Coruña vendo un partido do Dépor pola tele un presidiario de permiso, que levaría dous días sen durmir, entendeu que para unirse á nosa celebración do gol de Renaldo o procedente era, e así fixo, sacar unha pipa e disparar ao aire, furando o teito do local. Iso pasou, e entre os meus aínda resulta chiste recorrente. Esas son as miñas anécdotas. Se lla conto a aquela xente de diversión agrícola creo que me mirarían mal, ou chamarían á policía. Eis o que nos converte en raros aos que afirmamos que Galicia e, polo tanto o galeguismo, pertence a unha comunidade moi ampla e xa, maioritariamente, urbana, que ten nos barrios traballadores -con glorias e desgrazas- o seu principal núcleo. Outros, conservadores, seguen pensando que só eres bo cidadán do país (bucólico e irreal) se a túa vocación é a labranza, aínda que leves 50 anos vivindo en edificios nos que hai máis galegos que en Chandrexa de Queixa.
Non hai peor erro para o relato de Galicia que seguir teimando en que só é “pura” certa forma de sentirse de aquí. Sabémolo na Coruña, capital histórica e progresista desta nacionalidade, pero pouco esencialista. Vivimos en 2023, e a Cultura Galega, sexa iso o demo que sexa, precisa contarnos como somos.
Porén, hai quen pensa que só é “auténtica” se apunta a como fomos hai moito tempo.
Matinei en todo isto o outro día. Non xa por disparos en bares, por fortuna, mais si grazas a unha película desas feelgood, que o macarreo non quita o riquiño.
Subiron a unha coñecida plataforma un recente filme rodado na Coruña, na súa maioría no Barrio das Flores. Chámase ‘Salta’, dirixiuna Olga Osorio, é unha marabilla. Emocionoume. Do mellor que vin xamais do Cine Galego, esa cualificación que para moitos que se din galeguistas só se consegue se hai drama rural, ancestralidade e néboa, aínda que sexa a base de simulacros antropolóxicos. Pero somos barrio, cidade oceánica e, por suposto -vexan a peli- ilusión e realidade deportivista, porque o branquiazul é tan galeguista como Castelao, mínimo.
Galicia é agora. Tamén antes, pero fáganlle caso á actual, que presta moito. O asfalto tamén somos nós.