Dos camiños

Vivir é camiñar. Orixe e destino. Esa especie de alfa e omega que marcan e delimitan a vontade inexorable de deambular entre as direccións elixidas. Os camiños sempre foron importantes. Influíron no comercio, na economía e xeraron riqueza. Foron o foco de atracción para o asentamento humano e o elemento vertebrador do coñecemento a través do contacto, das migracións e das peregrinacións.


Os camiños sempre foron inocentes e neutrais. Da deriva que tomara o seu uso por parte das sociedades ou das elites, ou das súas finalidades bélicas, relixiosas ou transgresoras de normas e de leis, so son responsables os dirixentes dos pobos que protagonizaron cada momento da historia.


Se antes foi Roma, agora o nódulo de atracción é Compostela. Xa Os Tamara, aquel célebre grupo, fixo himno e bandeira da viaxe, incluso nun formato con choiva incorporada


Do Camiño Francés orixinario e do Camiño Primitivo, naceron variacións apoiadas nas máis diversas teorías que levan cualificativos anexos tales como Camiño Espiritual, Camiño Inglés, Ruta da Prata, Camiño do Sudeste, Camiño portugués... O certo é que os camiños xeraron pobos e xurdiron pousadas, hospitais, igrexas  e mosteiros que foron acumulando reliquias e prerrogativas variadas para atraer, a un número aínda maior de peregrinos.


O Camiño de Santiago é un fenómeno que transcende fronteiras, sentimentos ou relixións, e comparte motivacións variadas. A Xunta de Galicia fai gala da inxente chegada de viaxeiros e semellara que todas as alternativas de ocio e cultura, pasaran pola mesma aposta de inversión, polo mesmo concepto de explotación do recurso. Os Camiños sempre foron oportunidade, e máis os sinalados pola historia. Que manteña o seu status cultural sen morrer de éxito, é obriga da Xunta, pero é tamén responsabilidade de todos manter o sincretismo simbólico da ruta a Compostela, ante a avalancha de convocatorias desmedidas.


Acompañarte é un remanso de tempo onde repousa a luz; Unha íntima conmoción de versos...

Dos camiños

Te puede interesar