Fai xusto 40 anos os restos mortais de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao chegaron a Galicia. Un regreso simbólico desde o exilio arxentino, unha especie de segundo enterro do intelectual galeguista, agora na súa terra, aínda que se elixise Santiago e non o Rianxo natal. Galicia recobrara a democracia e estreaba autogoberno, que con ese acto procuraba lexitimidade. Pero a cousa foi un desastre e acabou a paus. Os fanáticos que aquilo provocaron agora reivindican tal triste posición.
O núcleo duro do BNG, nunca desautorizado polos seus, organiza este sábado un acto a carón de onde descansan os restos do debuxante e político, que seica aínda queren fóra. Van defender aquel disparate de 1984, que fixo que o cadaleito de Castelao volvese a Galicia entre carreiras e pedradas, cuxo principal obxectivo era outro nacionalista: Camilo Nogueira, digno impulsor do acto. O sectarismo é así de triste. E máis delirantes son os argumentos. Seica o artista rianxeiro tiña que seguir en Buenos Aires porque Galicia “non foi liberada”. Aínda menos mal, porque se nos chegan a “liberar” como querían eses, hoxe estaríamos preto do terceiro mundo e non da realidade dos mellores anos do país na historia, os últimos 40, malia gobernos autonómicos de limitada eficiencia.
A maiores, nese revival reaccionario tamén se vai afirmar que Castelao está “ocultado”. Outra fantasía absurda. Se algo fixo a autonomía foi darlle ao (magnifico) ilustrador, (correcto) escritor e (mellorable) ensaísta un esaxerado papel preponderante na idea de Galicia, creando unha especie de Biblia que deforma o presente desta nacionalidade. Merece lembranza, por suposto, pero poden crerme que o galeguismo, plural, ten figuras tamén moi importantes das que non se fala nin a metade, sobre todo se son coruñesas ou viguesas e non tan compostelanistas.
Precisamente, estes días da man do goberno local do Bloque en Santiago vive a “capital espiritual” un momento de drama forzado.
Porque sen entrar no das vivendas turísticas, que si son un problema serio en todos os lados, decidiron prohíbir a hostelaría e as tendas de souvenirs na zona vella, para que se poñan mercerías, que xa hai, igual que unha próspera Praza de Abastos. O obxectivo é posturear contra o turismo que tanto lles beneficia con cartos de todos os galegos (sóalles Xacobeo?). E con elitismo. Pero iso, fóra tamén os chegados.
Mentres en Vigo fálase de fabricar coches eléctricos internacionais, e na Coruña de institucións referentes en Intelixencia Artificial, en Compostela debaten sobre o seu embigo. Boa definición do país esa. Teño claro cal é o que prefiro, que é xusto o que a autonomía conservadora deixou de lado, con errado apoio transversal.
Tanto balbordo se, no fondo, este coruñés galeguista que lles escribe só quería abrir alí unha tenda de camisetas que puxeran: “Fun a Compostela e recuperei a capitalidade”.