As rías ártabras xa están en calma. Pasou o Racing-Dépor, sen case fútbol pero con imaxes históricas como o desprazamento marítimo da hinchada branquiazul, pero así como se calmaron esas augas, nas sempre embravecidas redes sociais volveu a axitación orixinal, a meirande, a que enfronta a Dépor e Celta. Está o club vigués celebrando os seus cen anos de existencia -117 gastamos por Riazor- e, desde a rivalidade, o propio é felicitalo. Ademais, boa parte da súa historia débella a Coruña.
Resumamos cunha pregunta: existiría o Celta sen o Dépor? A resposta é “non”. Sen a potencialidade do club branquiazul agora mesmo o principal equipo olívico chamaríase Sporting, ou Fortuna, e seguramente levaría as cores vermellas e brancas. Non estou soltando unha brincandeira de derbi, estou falando dun feito histórico, mesmo recoñecido nalgunha importante enciclopedia. Cóntolles.
A urbe olívica dominaba o fútbol galego nas primeiras décadas do século XX, ben mediante o Vigo FC, despois Sporting Vigo, ou ben co Fortuna. Pero en 1919 ocorre algo moi relevante, a desaparición do Real Club Coruña, o primeiro gran adversario do noso Dépor. Isto deixa aos branquiazuis como principal club da cidade, e así chegan por primeira vez á final do Campionato galego, que perden contra o Sporting. Pero en Vigo acéndense as alarmas. Ollo a estes, que pisan forte. E así nace a idea de fusionar os dous grandes conxuntos da cidade, para ser máis poderosos, non ceder terreo en Galicia e aspirar a máis na Copa estatal.
Os fundadores do Celta manexaron varios nomes para o novo club, entre eles estivo a piques de ser escollido o de “Breogán”, personaxe mítico do que a lenda apenas conta unha cousa: que era coruñés. Aí evitaron un importante motivo de escarnio. O que non puido deter o novo club foi que, apenas dando os seus primeiros pasos, tres dos seus mellores futbolistas decidisen abandonalo para fichar polo Deportivo. Foron Chiarroni, González e o máis relevante do trío, o medallista olímpico Luis Otero, que aquí xogou, gañou, foi homenaxeado cun busto en Riazor e, ademais, puxo un bar pola zona dos viños. Un pontevedrés totalmente cascarilleiro, polo tanto.
Por último, non esquezamos de onde saen as cores do Celta. No seu inicio decidiu vestir co vermello da bandeira marítima da súa cidade. Pero resulta que o Deportivo vestía azul e branco, tamén da bandeira marítima da Coruña, pero xa adoptada esta como bandeira de Galicia. Polo tanto, o Dépor vestía as cores de Galicia e o Celta, non. Así que Vigo quixo competir aí tamén, e o club pasou a vestir camiseta azul e pantalón branco. Así o fixo durante unha tempada. Pero así non se diferenciaba do Dépor como correspondía e, un ano despois, apostou polo celeste. E así loce agora o Celta, o gran club vigués, que acumula meritorios anos en Primeira pero segue sen conseguir o ansiado título. Niso si que lle gustaría ser coruñés.