A sexta ola da pandemia puxo de manifesto o colapso da atención primaria galega que, en realidade, xa estaba saturada, como recoñeceu o propio conselleiro de Sanidade. O Goberno galego tivo un ano e medio para prepararse e para reforzar o sistema sanitario dotando á atención primaria de profesionais que puideran atender o que estaba por vir sen deixar de lado o resto das patoloxías.
Cando en marzo de 2019 o virus da COVID apareceu nas nosas vidas o sistema sanitario xa estaba debilitado e, por suposto, non estaba preparado para atender unha pandemia destas características pero, en xaneiro de 2022, as consecuencias desta enfermidade non poden collernos por sorpresa. Feijoo dispuxo de tempo e de fondos dabondo para exercer as súas competencias e mellorar as condicións dos profesionais e os recursos destinados á atención sanitaria.
Os profesionais sanitarios da atención primaria denuncian todos os días que son incapaces de dar resposta aos principios fundamentais que deben rexer este primeiro filtro sanitario, inmediatez e accesibilidade. E agora son os profesionais dos hospitais os que se suman ás reivindicacións dos seus compañeiros demandando contratacións urxentes que axuden a solucionar a sobrecarga permanente e o colapso de varios servizos.
O Goberno galego, lonxe de asumir as súas responsabilidades, acusa ao Goberno central de non ter tomado medidas, cando as competencias en materia sanitaria son autonómicas, e o fai despois de que o presidente da Xunta se pasase boa parte da pandemia reclamando ao Executivo de Pedro Sánchez que deixara ás comunidades facerse cargo da pandemia. Agora, cando son as comunidades as que teñen que exercer e dar a cara, Feijoo pídelle ao Goberno central que lle resolva o problema.
A cidadanía galega necesita un Goberno que asuma as súas competencias e enfronte os problemas con seriedade, rigor e lealdade, pero sobre todo queremos e precisamos un sistema sanitario público e de calidade que non se veña abaixo coa crise da COVID e que non deixe abandonados á súa sorte nin aos profesionais nin aos pacientes. Xa non valen escusas, é urxente tomar medidas e reforzar a atención sanitaria de forma inmediata.