A Coruña, cidade de alturas

Comecemos desmontando un mito anti-xornalístico, ese que fala de serpes de verán, que afirma que os periódicos se enchen de temas intrascendentes en estío, cando baixa a densidade noticiosa. Pero é un pouco ao revés. Como persoa que leva nas costas uns cantos lustros no eido informativo, sei de sobra que cando hai que ser creativo, porque pasan poucas cousas, é cando se fala do máis interesante. O stress de “últimas horas” no que vivimos adoito sempre acaba en censura, porque resulta imposible seguila, a non ser que ese sexa o teu traballo, como é o meu caso. Pero en agosto, de súpeto, atopamos con maior facilidade temas de profundidade, que presta atender.


Un exemplo moi evidente ocorreu nesta mesma casa nos últimos días. Unha información sobre a oposición dalgúns veciños organizados, que non tanto dos veciños, á construcción en altura no coruñés barrio de Castrillón xerou un interesantísimo debate sobre urbanismo e cidade. Tócame moi de preto, tanto no profesional como no sentimental, posto que vivín máis dunha década xusto diante deses terreos nos que agora se van, por fin, levantar vivendas e que foron a miña única vista durante os meses de pandemia. Coñezo a cuestión por varias bandas.


Nunha magnífica demostración do valor comunicativo das redes sociais, o concelleiro do ámbito, Fran Díaz, explicou nun fío de X-antes-Twitter os beneficios da construcción en altura, dado que permite reter ou recuperar veciñanza e, á vez, dotar a zona de maiores espazos verdes e de uso social. Como despois engadiu a alcaldesa Inés Rey, ese modelo é moito máis sostible e comunitario que o que se aplicou, por exemplo, na Agra do Orzán hai medio século ou que mantén Oleiros hoxe en día, que se basea en masificar territorio con vivendas baixas e facer imprescindible o coche.


Si, os edificios altos son moito máis avanzados, aínda que a esquerda conservadora non o vexa así, dominada polas nostalxias ruralistas que negan que a urbe é o maior feito de progreso da historia (fíxense nos resultados electorais se non me cren). En todo caso, a min o que máis me interesa do asunto é o espírito coruñés, para defendelo, por suposto.


A Coruña é o contrario á cidade provinciana. Somos ambiciosos e progresistas, desde hai tempo. Aquí, nacidos ao pé da Torre de Hércules, sempre amosamos tendencia ás alturas. En 1925 tiñamos o edificio máis alto de España, o Banco Pastor. A Hercón ou mesmo a Torre de Maratón ou Elviña seguiron esa proceder. Polo tanto, a nosa identidade é esa, modernista, pouco reaccionaria. Defender que renunciemos a ela sinala incomodidade co que somos. Típico erro das esquerdazas, semellante a cando se puxeron do lado de Compostela na capitalidade ou contra peonalizar María Pita grazas a un parking soterrado. Tiros no pé.
Pero hai outra esquerda, que acompaña o progresista carácter da Coruña. Cre nas alturas (e nas VPO). É a miña. 

A Coruña, cidade de alturas

Te puede interesar