Das viaxes

Viaxar é unha arte chea de matices. Ten toda unha serie de impactos que facilitan diferenciar tonalidades, gradacións de cores e de luz, paisaxes e recursos de arquitecturas e urbanismo. Teñen a convicción do inexplorado e a sorpresa ampla do inesperado. Son posuidores de valores que permiten recuperar esencias, imperios e culturas. Son un verdadeiro estoupido de conceptos e de coñecemento de realidades aprendidas; unha auténtica tormenta de sentidos. Teñen a virtude engadida de espertar a curiosidade precisa, a que nos permite conciliar a faceta de exploradores de vidas e facendas, con aquela que ten moito que ver ca linguaxe da arte e dos artistas. As cidades teñen a memoria dos arquivos da sociedade que as forma e as define, e as cicatrices das feridas que levantaron cada un dos seus estratos. Viaxar é unha sorte de motivación reafirmada que facilita o interese e a aprendizaxe. As viaxes reactivan a análise crítica e o estudo analítico que acaba por facernos compartir mentalidades e espazos que descoñecíamos. 


Hai cidades que teñen pátinas, texturas e brillos, que deixan en nós notas de nostalxia, evocacións e complicidades que viaxan na definición das nosas identidades. Roma ten a dualidade do fermoso e do excesivo. A beleza do sublime e do poder Vaticano, e o peso inesquecible do imperio perdido en cada esquina. As campás soan vibrantes e temperadas nas prazas medievais de Florencia. Incluso que a luz crea unha atmosfera especial nos sienas e nos ocres dos seus muros. Ou que a bicromía da arquitectura de Brunelleschi, aporta serenidade e un equilibrio humilde á traza da articulación dos elementos sustentantes e sustentados. As cidades falan coa linguaxe do tempo que non pasa. As viaxes teñen sempre voz de eternidade.


Conservo intacto o verso de sentirte –dixo El– esa conxugación harmónica de paixón e tenrura. Conservo cada outono e cada primavera conmovida. Sentirte é sempre o punto de partida...

Das viaxes

Te puede interesar