Defensa do xornalismo deportivo

Vostedes non o saberán, e ademais importaralles un pemento encarnado, pero este xornalista que lles fala comezou a traballar nunha Redacción haberá un cuarto de século, nesta casa, concretamente na súa rama deportiva, o DxT. E dedicouse a ese tipo de periodismo case quince anos. Tiven o pracer de escribir en varios medios -e comentar en radio- a Liga do Dépor, o Centenariazo ou as gloriosas noites europeas en branquiazul. Era bastante máis novo, e aquila mocidade profesional permitiume desenvolver certo tipo de vida tremebunda, viaxar moito, experimentar momentos de extrema felicidade e, sobre todo, coñecer un mundo profesional e establecer unhas amistades desas que marcan para sempre. Logo me pasei á política, como cronista ou xa desde dentro, e moi ben -a pesar dun periodo infernal entre iluminados hai un tempo- pero o que viviu aquela época e aquel ambiente de principios de milenio sabe que queda gravado na cabeza en letras douradas, imposible de evaporarse.


Pensaba niso tras o falecemento dese mito coruñés que foi Pepe Domingo Castaño. En realidade, penso moito no tema. No xornalismo deportivo en xeral. O que vivín e o que agora vexo. Non sempre cadran. O avance imparable das tropas chiringuiteras semella unha maldición, e así é. Pero cómpre abrir o foco. Fuxir da atracción do Mal, e recoñecer que iso non representa á totalidade. Vou ser claro: a pesar da súa mala fama, o xornalismo deportivo ben feito trátase da expresión maior do noso oficio, á vez escola total e destino literario. Toca defendelo.  


Cando deixei esta casa para contar o do Dépor na competencia, o motivo da oferta foi que seica eu “escribía ben”. Querían fuxir da información deportiva rancia, de carajillo e purazo. Así que o levamos por outro camiño, de Jameson e Chesterfield, concretamente (aquí iría agora un emoticono de chiscadela ou de gargallada). Pero brincadeiras á parte, soster a estas alturas a fraqueza perpetua do xornalismo deportivo só é negacionismo. Hai dúas décadas, por exemplo, dedicábanse a esa tarefa persoas que agora se gañaron un merecido prestixio máis alá das páxinas do fútbol, porque xa daquela facían cousas moi notables.


A lista deles sería interminable. Pódese afirmar que moitas das máis importantes firmas actuais en política ou calquera sección saíron de Deportes. Eu mesmo recoñezo que talvez nunca poderei volver a escribir tan ben como o facía daquela, non o sei. E, a maiores, xa lles dicía, os lazos. Dos que non se perden. E que agora vexo en lugares estelares como múltiples libros, series, periódicos, etc… (Sen ir máis lonxe, á cabeza deste xornal).


Polo tanto, deixen atrás os prexuízos. Esquezan os circos. E sexan conscientes de que o talento xornalístico agroma como en sitio ningún nas seccións de Deportes, a pouco que saiban escoller. Ten lóxica. A pesar das súas miserias, se che gusta o fútbol sempre entenderás mellor a vida.

 

Defensa do xornalismo deportivo

Te puede interesar