A derradeira da pandemia

O adxectivo derradeira, e a súa versión masculina derradeiro, é expresión de que se remata definitivamente unha serie. Ou non, niso a retranca galega sempre foi de fina ironía diplomática nacida da intelixente reflexión metafísica dunha opinión na que pode ser que si, ou poda que non. Por iso, cando invitamos a unha persoa, nunha das resistentes tabernas do país, a “tomar a derradeira” bebida non é precisamente pensando niso, senón que aínda haberá máis. Abofé, si.


O parágrafo antecedente, é no seu miolo unha definición do estado da situación política que se amosa fronte a pandemia sanitaria do Covid-19; preto de chegar ao seu punto e final, na que as autoridades sanitarias, de aquí e de acolá, incapaces de rematar coa moderna peste vírica pola vía das medidas sanitarias e socioeconómicas, deciden mudar a súa cualificación para se converter en “endemia”; e dicir, unha especie de Gripe 2.0. Sen balbordo, a convivir con ela.


Todo iso, malia que aínda espertamos cos novas xornalísticas que indican que o número de casos activos do virus está a descender porén iso non significa que o ritmo de contaxios baixase de forma significativa, todo o contrario e, mais grave aínda, soben os hospitalizados e os casos activos que no conxunto do territorio galego andan por cifras astronómicas e nunha porcentaxe de marca olímpica que, caso a caso nestes dous anos deste fenómeno que impactou na saúde pública de xeito tan contundente, aínda por coñecer realmente no número verídico de afectados dado que os datos fornecidos polos sistemas sanitarios, distan moito dos que soportaron contaxio.


Con todo, a ilusión óptica dos responsables sanitarios foi, e sigue a ser, a da “inmunidade de rabaño”, comparándonos coas mansas e dóciles ovellas dun cortello, inmunidade colectiva nunha linguaxe máis sutil e refinada. Se antes foi pola vacinación masiva que só cumpriu obxectivo no mundo planetario economicamente máis favorecido, deixando totalmente ao pairo e mesmo impedindo producir antídotos propios nese outro grande mundo desigual e pobre; agora semella que a tal “inmunidade grupal” búscase ao favorecer o contaxio da xente nunha procurada inmunidade natural sobre a hipótese de crer que se máis de dous terzos da humanidade rematan por soportar a enfermidade, esta produciría de forma natural ese efecto de extinción do virus.


Así e todo, é preciso un cambio moi fondo da situación económica, social e política a nivel mundial, e no ámbito galego, para poder manter e controlar a pandemia, non trucala en endemia, e retornar á normalidade que tería que ser distinta á que existiu no tempo anterior a este andazo.

A derradeira da pandemia

Te puede interesar