O disparate venezolano do BNG

Non vive a esquerda o seu mellor momento histórico nun mundo que parece fixar a mirada cara a ultradereita. En todo caso, que ninguén a dea por morta. En realidade, gañou hai nada en Francia, goberna en España, volveu ao poder no Reino Unido e parece que con Kamala Harris vai dar unha dura batalla electoral nos Estados Unidos. Sudamérica presenta máis complexidade, pero por cada Milei hai un Lula e un Boric, que non se esqueza. O que non entra nos parámetros da esquerda democrática parece ser Nicolás Maduro, aínda presidente de Venezuela. 


Ningún líder continental asumiu os resultados dos comicios do pasado domingo, que significaron unha presunta vitoria do oficialismo. Non aparecen as actas que proben o anunciado. Hai grandes sospeitas de pucherazo. Unha institución de referencia no seu ámbito como é o Centro Carter, fundado por un dos presidentes máis de esquerdas que tivo nunca USA, afirma que non se cumpriron as máis elementais normas democráticas. Polo tanto, Maduro vén de mergullarse no ditatorial. Ningún dos demócratas de esquerdas podemos apoiar tal cousa. Pero, por desgraza, temos ao noso carón demasiados frikis. Por exemplo, algúns no BNG. 


Xa sabíamos que moitas persoas que foron candidatas da formación nacionalista defenden abertamente a barbarie de Vladimir Putin na súa invasión de Ucraína, unha postura que tamén comparte, aínda que ás veces manteña as formas, un dos seus líderes, o deputado Néstor Rego. Pero co caso de Venezuela o Bloque vén de atravesar un Rubicón. Nada será igual xa. Porque unha forza política que di que quere gobernar Galicia saíu publicamente a defender o golpe chavista, contra toda evidencia. Esta vez a frikada foi demasiado lonxe. 


Mediante unha nota informativa, o BNG saudou a Nicolás Maduro e defendeu uns resultados que non aceptan persoas tan pouco sospeitosas de “imperialismo” como os presidentes Lula, Boric e Petro. Seica eles tamén son “axentes do interior e do exterior” que queren “desestabilizar”. Un disparate. As críticas ao Bloque foron enormes. Comezando polas dos socialistas galegos, que recordan así que existe outra esquerda, moito máis seria e responsable. Unha que non se converte nun frikazo cando mira fóra das nosas fronteiras. 


A necesaria alternativa en Galicia non pode estar liderada por unha formación que, desde a Xunta, sacaría a Galicia fóra dos consensos democráticos mundiais. De feito, nunca haberá alternativa nesta autonomía namentras estea á fronte dela o BNG, un partido que, a base de asuntos como este, mobiliza enormemente ao electorado de dereitas. Defender un fraude electoral nun país tan cercano a nós como Venezuela non é ningunha broma. É totalitarismo, nada menos. Con isto non se xoga. 


Quero pensar que no propio BNG hai xente afastada deste frikismo de radicalote, que pasa vergoña co ocorrido. Pois que o digan, en alto. Se non, é como se non existisen. 

O disparate venezolano do BNG

Te puede interesar