Do efémero

O Mundial de Qatar asoma no horizonte. Inxentes recursos puxeron en marcha o chamado a ser un  dos grandes acontecementos deportivos a escala mundial. Xurdiron modernas infraestruturas con tecnoloxías punteiras e múltiples espazos deportivos e de comunicación, dunha duración limitada e cunha rendibilidade dubidosa polas datas elixidas e polas limitacións de todo tipo impostas aos que alí viaxen. O Mundial de fútbol, de próxima inauguración, é unha imaxe evidente desa icona universal dun tipo de sociedade baseada na desigualdade, na homofobia e nun machismo rancio amparado nos privilexios de berce e na influencia ideolóxico-relixioso-cultural. Pero poderoso cabaleiro é don diñeiro, que dicía Quevedo, e así os obstáculos de calquera caste e condición, foron sendo resoltos un a un, e o mundo do fútbol, patrocinadores e federacións de fútbol de cada un dos Estados, acabaron aceptando entrar polo aro, así sen anestesia nin nada. Hoxe, contan os escasos días que restan para a inauguración. Máis en poucas semanas, todo será pasado. Dos grandes esplendores se pasará a grandes baleiros e o tempo acabará cubrindo, baixo o po da historia, a memoria efémera destas datas de celebración e de exceso. Xunto coa recorrente pregunta de como foi posible aceptar celebrar un mundial nesas condicións. Das grandes expectativas, con axustes non excesivamente precisos, nacen os indesexados efectos secundarios derivados, moitas veces, das urxencias excesivas en pretender lucir  os loureiros da vitoria.  Non é a Lei do Sí é sí a primeira, nin será a última. Outra cousa é a torpe manobra de ampliar a ferida botándolle o sal enriba de culpabilizar aos xuíces. Hoxe, para a oposición, é a escusa perfecta da munición contra o Goberno e enfronta a Podemos con Yolanda Díaz. Pero tamén nas guerras cainítas, onde non fan prisioneiros, debería practicarse o discurso preventivo do efémero. 
 

Pensarte ten a estrutura da ruidosa elegancia do silencio, a tenrura conmovida que aniñou confiada en ti...

Do efémero

Te puede interesar