Do simbólico

 


Sempre fun de detalles. Podería quedarme colgado dun xesto ou dunha ollada. As cousas mínimas teñen o afecto do persoal e a intimidade do auténtico. Teñen o simbolismo de sentir e trasladan a mensaxe do que importa. Unha frase, un debuxo, un corazón de papel ou unha man sobre a túa nun instante de especial friaxe, cotiza máis que o ouro na significada escala do importante. Non son os grandes logros, nin os éxitos efémeros os que nos marcan a vida. O latexo discreto das cousa sinxelas, a complicidade das pequenas rutinas compartidas, son as que poden facer de nós grandes seres humanos. A importancia dos valores non está nos discursos, radica na súa aplicación, na súa posta en práctica que debe transformar conciencias, nacións e sociedades. Dicía unha famosa antropóloga, que o avance máis substancial da humanidade deuse cando un home dedicou tempo a axudar a curar unha fractura ósea doutro membro do clan, e coidou, alimentou e protexeu a ese ser humano en fraxilidade, ata a súa recuperación. Evidentemente isto nunca constará nos relatorios da historia da humanidade. As historias oficiais engrandecen o que xa é grande e santificarán aquelo que precisen para crear símbolos, efixies ou estandartes cos que poder facer sistemas axustados ás ordes dominantes. Pero pasemos das musas ao teatro, falo tan só do valor simbólico do denso silencio imperante cando rematan as celebracións. Da emocionada soidade concentrada en recoller os obxectos persoais, baleirar caixóns, gardar os libros e quitar as fotos do taboleiro fixadas con chinchetas. Do valor ferido de recollerse nun mesmo para poñer un punto e final e para sentar as bases do que empeza. Despois, abeirados ao solemne, compartimos a metafísica da dúbida e a eterna fraxilidade xeométrica das vidas imperfectas.


Insistimos en razoar o incomprensible – dixo El- e perdemos a verdade de esfera dunha bóveda. Hai viaxes que precisan de soidade  e silencio...

Do simbólico

Te puede interesar