O PP inicia en Sevilla a posta en marcha da operación Feijoo, unha aposta concebida baixo o clásico principio de cambialo todo para que nada cambie. Unha especie de cuadratura dun círculo que a sociedade percibe que nin é cadrado, e moito menos un círculo perfecto en diámetros e curvaturas. Está todo atado con ligaduras excesivamente febles, con demasiada urxencia e onde a sombra de Ayuso planea sobre o cónclave coma unha sinal ou un presaxio do que podería pasar se non se circula polos carrís adecuados. Casado ten que pasar pola crueldade intolerable de falar ante un auditorio repleto dos que antes foran os seus aplaudidores entusiastas, eses mesmos que despois o botaron ao foso dos crocodilos, sen remordementos nin mínima compaixón. Feijoo, dende que é o elixido, xa tomou sen tomar nel, varias decisións polémicas. A peor de todas foi a de facilitar a entrada nun goberno de Vox na Junta de Castela-León, sen obstar nin opoñer a mínima resistencia. A medida que aumenta a exposición pública de Feijoo, vai decrecendo directamente a súa fama de moderado e, sobre todo , a súa fama de xestor. Non é iso da xestión eficaz o que deixa no balance de Goberno da Xunta de Galicia, e dende logo as primeiras oportunidades para marcar distancia cos desacertos de Casado, e iniciar un novo tempo no PP nacional, dilapidounas completamente. Saír da distancia protectora de Galicia e instalarse no cumio da soidade central do organigrama popular en Génova13, implica unha metamorfose radical para a que fan falla nutridas alforxas. E Feijoo está forxado no éxito electoral, non na disputa territorial nin nas conxuras elementais das baronías. Sempre estivo no cumio da pirámide, e descoñece o frío extremo das loitas intestinas.
Teño de ti un verso e un aroma -dixo El- as palabras abrigosas e austeras dun abrazo ou a curva conmovida dunha bóveda...