Eu non vou romper España

Se existe algún seguidor habitual desta columna dos sábados saberá que aquí non é, precisamente, que nos prodiguemos en loas á compostelanía. Trátase só dunha cuestión política, de crítica ao centralismo autonómico, que ben sabemos que Santiago contén cousas notables, aínda que a maioría sexan inertes. As outras, que por suposto hainas, teñen que ver con boa xente e, tamén, coa música. Non é A Coruña, pero alí está a mellor sala de concertos de Galicia e, a maiores, nas últimas décadas saíron da cidade bandas de rock de nivel. Lembrei unha delas hai un par de días, vai unha frase súa no titular.


Cantan nunha peza os Familia Caamagno, relevante grupo de garaxe compostelán, que non van cambiar a historia nin Europa, nin tampouco van romper España aínda que rompa. A letra, en definitiva, fala de que en medio desas cousas tan tremendas que nos rodean día a día, máis ou menos todos temos distintas preocupacións, a da canción un amor festeiro que desexa que lles “caiga enriba a orquestra”. Algo diso hai. Non é a despolitización total nin a frivolidade perpetua un modus vivendi digno de aplauso, pero para os que levamos anos no mundo da información e da política sempre está ben recordar que a nosa burbulla é iso, algo moi importante que, non obstante, é ben meter a recaudo de cando en vez, para non tolear.


Hai un tempo, un amigo confesoume que tiña sempre presente unha frase que lle dixen hai tres décadas. Con palabras que lle aforraremos ao lector, eu defendía que ningún pesado, brasas, chapas, etc, pode ser boa persoa. Que iso non é un defecto senón unha actitude ante a vida que exixe rexeitamento frontal. Así é. Pero, por desgraza, o mundo cada vez dálle máis prestixio ao come-orellas, ao intensito, ao dramático. Vale, todos caemos niso ás veces. Mais, polo menos, o normal é que variemos nas nosas teimas, non esteamos sempre na mesma. Porén, seica agora para ser popular cómpre ser mono-temático, apocalipses en cada recuncho, likes en twitter, tremenda de turra. Ata se considera “comprometido” algo tan absurdo e infantil como pecharse nunha idea aos quince anos -coas hormonas disparadas- e seguir facendóo aos 50. A negación do crecemento. E da política, que, tal cal, basease en aprender dos demais e de negociar coa realidade; o contrario chámase secta.


Isto vén a conto de que o pasado xoves, mentres un acordo político entre PSOE e Junts que entra dentro do funcionamento dunha democracia era convertido por algúns nun cataclismo -case unha peli de Ronald Emmerich- eu baixei a tomar cañas pola zona de Peruleiro. Tres horas ao tema estiven (o mínimo esixible). Falei con quen quedara e, como sempre, puxen a parábolica a ver que dicían os demais. Os locais, petados. E non escoitei a ninguén falar da ruptura de España. Cero conversas sobre o temazo. 


A xente sabe máis que os predicadores da calamidade, eses brasas.  

Eu non vou romper España

Te puede interesar