Europa en Galicia

Hai xusto 35 anos, en 1989, apareceu no estadio de Riazor unha pancarta de grandes dimensións, pendurada dos valados de General. Nela líase: “Co Deportivo, Galiza a Europa”. A cousa tiña sentido. A pesar de militar en Segunda, o club branquiazul loitaba por alcanzar a final da Copa do Rei, o que con toda seguridade significaría a clasificación á Recopa. Pero había truco. Tanto o tipo de letra que alí se utilizaba como a metade do lema que aparecía eran idénticos aos da campaña para as eleccións europeas que nese momento despregaba o BNG. En efecto, o partido nacionalista -mediante contactos do seu líder local, Henrique Tello, co seu alumnado en Elviña- foi quen regalou a pancarta aos Riazor Blues da época. O nacionalismo galego desaparecera da cidade tras a súa demencial postura anticoruñesista na cuestión da capitalidade, e así os seus novos dirixentes querían comezar un proceso de reachegamento á identidade herculina, que cumpriu obxectivos pero en tramos segue aínda incompleto.


Traio este recordo aquí non para falar do Dépor ou da Coruña, que sempre apetece, senón para referirme a Galicia e a Unión Europa, que afronta o vindeiro domingo unhas novas eleccións ao seu Parlamento, como aquelas de 1989. Entón a UE chamábase CEE (Comunidade Económica Europea) e supoñía unha grande expectativa para a maioría, aínda que polos extremos xa aparecían voces contrarias, entre ellas moitas dentro dese mesmo nacionalismo galego que se promocionaba daquela maneira en Riazor. Pasado xa un terzo de século, a cousa segue igual.


Os extremos manteñen as posturas antieuropeístas. A ultradereita considera que a UE forma parte dun programa globalista destinado á eliminación nacional. Ou sexa, a conspiración xudeo-masónica de toda a vida, agora con raras alianzas en Israel. No bando contrario, e así o demostra o programa electoral co que se presenta o BNG, abondan os disparates multipolares e a cualificación de Europa como agresora aos valores tradicionalistas do país.


Pero, en realidade, o proxecto europeo -así como o autogoberno- levou a Galicia ao maior grao de benestar da súa historia. Así mesmo, a un nivel de paz inédito para os seus integrantes A UE cometeu erros, algúns moi grosos como a súa fidelidade ao dogma neoliberal na crise de 2008, pero segue a ser o mellor modelo posible á hora de combinar liberdade e progreso. Por iso lle gusta tan pouco a Putin, Milei ou Trump. Por iso sen a súa resposta inversora resulta imposible entender a recuperación económica tras a gravísima crise da covid.


Hai un espazo europeísta que vai da dereita responsable (está aí agora o PP?) á socialdemocracia radical. Pero, en esencia, trátase dun proxecto progresista, ao que defender a saco fronte ameazas ultras e postureos irresponsables. E cómpre facelo tamén en Galicia. Non hai que “levarnos” a Europa. Somos Europa. Desconfíen dos que amagan contra ela.

Europa en Galicia

Te puede interesar